O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) puxo en marcha o portal agregador business to business (B2B) Galicia Food & Drink en Alibaba, en palabras da alianza empresarial galega a plataforma de ecommerce máis grande do mundo no ámbito dos “negocios con negocios”. Trátase dunha iniciativa impulsada co apoio da Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), no que xa participan preto dunha vintena de empresas do sector alimentario da nosa terra, integradas no Clúster.
O portal ten o obxectivo de conectar ás empresas exportadoras con entidades importadoras de máis de 190 países. Foi presentado este 16 de marzo no transcurso dunha xornada online na que participaron a director da área de internacionalización do IGAPE, Augusto Álvarez-Borras, e o xerente de CLUSAGA, Roberto Alonso.
Segundo explicaron, o agregador Galicia Food & Drink en Alibaba permite a varias empresas socias compartir un mesmo sitio dentro do portal para vender os seus produtos máis interesantes a nivel internacional. Así, os compradores internacionais poderán atopar en Alibaba unha gran variedade de produtos galegos, tales como embutidos, froitos secos, conservas, produtos de algas, viño, mel, leite e outros produtos lácteos, café, produtos de panadaría, peixes e mariscos conxelados ou carnes.
A alimentación galega faise forte no mundo cun novo portal na plataforma Alibaba
Compartir Este Artigo

