O Centro de Intelixencia Artificial (XIA) do Concello de Ourense retoma esta semana o ciclo Os venres con IA, desta volta coa profesora da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) Ángeles Manjarrés, que falará da Axenda 2030 e dos principais desafíos en materia de tecnoloxías avanzadas con altas capacidades para acubillar, xestionar, analizar e comprender a información.
Na charla, que se emitirá online este venres ás 12.00 horas a través da canle de vídeos do CIA, analizarase desde unha perspectiva crítica a potencial contribución das tecnoloxías intelixentes á satisfacción dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas, e preséntanse ferramentas, metodoloxías e técnicas de soporte ao desenvolvemento de aplicacións coherentes con este propósito. A información sobre estas actividades está dispoñible na web do CIA.
A relatora

A súa investigación en Intelixencia Artificial céntrase actualmente no eido das ontoloxías e os Sistemas Recomendadores Educativos Personalizados en plataformas de aprendizaxe en liña, e en robótica educativa.
Participou en numerosos proxectos nacionais e internacionais no contexto da súa colaboración co grupo AdeNu (Adaptive Dynamic online Educational systems based oN User modelling) da UNED, cuxa actividade xera unha importante produción científica.
Desde o ano 2000 realiza investigacións en innovación educativa para o desenvolvemento humano e a sustentabilidade, en colaboración con ONGD.
Desde 2006 pertence ao grupo EDTIC, Educación para o Desenvolvemento na área das TIC, adscrito ao Centro de Innovación en Tecnoloxías para o Desenvolvemento Humano da UPM, e desde 2016 a COETIC, grupo de innovación docente para o desenvolvemento da competencia ética e cívica e as metodoloxías baseadas na comunidade na educación superior da UNED.

