O congreso Students, Women in engineering & Young Professionals (SWYP) vaise celebrar esta semana (ata o domingo) na Universidade de Vigo. Faino da man da rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) da institución académica viguesa, que indica que por “vez primeira na súa historia o evento celebrarase en formato en liña”. O congreso abre este 24 de marzo as súas portas con 120 persoas inscritas, unha cifra moi superior aos formatos presenciais previos, que roldaron os 70 estudantes.
Durante os cinco días que dura o congreso sucederanse conferencias, obradoiros e actividades de ocio, que permitirán ás persoas asistentes, achegarse a cuestións de plena actualidade a través de relatorios, entre os que se contan charlas sobre como predicir o comportamento da COVID ou sobre as posibilidades que abre a cadea de bloques (blockchain) no eido das moedas virtuais e dos sistemas descentralizados.
Destinado ás 16 ramas de estudantes, o SWYP é un congreso que pon o foco na xente nova e en rachar fendas STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñaría e Matemáticas) de xénero.

Power electronics no sector da automoción e o seu modelo en V; Introdución ás metodoloxías áxiles e scrum; Multitarea en enxeñaría ou 5G: o papel da virtualización en novas redes de comunicación móbil, son algúns dos relatorios que se presentarán no congreso, que se poderá seguir a través da canle de Discord da rama de estudantes do IEEE da UVigo e de Campus Remoto.
O congreso SWYP abre as súas portas virtuais a máis de 120 estudantes inscritos
Compartir Este Artigo

