A Universidade da Coruña, a través da Unidade de Divulgación Científica e Cultural, participa nunha iniciativa estatal para impulsar a divulgación científica a través da rede social Twitter. Estamos a falar da primeira edición do certame #HiloTesis (A túa tese de doutoramento nun fío de Twitter), posto en marcha por CRUE Universidades Españolas.
O obxectivo é promover a actividade divulgadora entre o alumnado de doutoramento das universidades españolas que forman parte da asociación universitaria. Os participantes deberán dar a coñecer o contido da súa tese nun máximo de vinte chíos, atendendo ás limitacións desta rede social, e en calquera das linguas cooficiais en España.
O concurso desenvolverase entre o 1 e o 23 de abril, ambos inclusive. A UDC explica que non se terán en conta fíos publicados fóra deste período. Os concursantes deberán, unha vez publicado o fío, inscribirse e facilitar a ligazón ao mesmo a través dun formulario. O primeiro chío da cadea deberá citar a @RedDivulga, a @UDC_gal e rematar cun “Abro #HiloTesis”.
A través desta iniciativa, aqueles estudantes (tanto se finalizaron a súa tese doutoral nos últimos seis meses coma se están desenvolvéndoa actualmente), poden contar á sociedade que fan en materia de investigación científica e tecnolóxica, como e por que. Para iso, proponse a elaboración dun fío en Twitter para “aproveitar as posibilidades desta rede social como canle de comunicación, adaptando o contido da tese a unha linguaxe sinxela, accesible e atractivo”.
As candidaturas deberán contar co visto e prace da persoa que dirixa a tese e garantir que a información proporcionada é susceptible de difusión pública.
O concurso desenvolverase entre os días 1 ao 23 de abril, e cada universidade participante elixirá, nun prazo de 15 días, tres fíos que serán avaliados posteriormente polo xurado nacional proposto por RedDivulga. O fallo do xurado comunicarase ás universidades e aos concursantes gañadores do 21 ao 28 de maio. Haberá tres premiados que serán, obrigatoriamente, de tres universidades diferentes.
As bases da iniciativa están dispoñibles online.
A UDC participa nun certame estatal que premia e visualiza a divulgación científica en Twitter
Compartir Este Artigo

