A semana pasada o Campus de Pontevedra organizou a primeira sesión dos Publi&Webinars, un ciclo de conferencias e obradoiros virtuais dirixido a complementar a formación do alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación en diferentes aspectos relativos á creación e promoción de produtos multimedia. Nas sesións púxose o foco no uso das redes sociais para facer voar a actividade publicitaria.
Máis polo miúdo, fíxose fincapé nas súas posibilidades á hora de segmentar as mensaxes e facelas chegar a públicos concretos, o grao de aceptación por parte dos usuarios e usuarias e a posibilidade de seren empregadas por múltiples tipos de empresas.
Abordar estas cuestións foi o cometido do titulado en Publicidade e Relacións Públicas e xestor de proxectos na axencia Elogia Adrián Aira na primeira sesión dos Publi&Webinars. “O dixital tense convertido no medio con máis investimentos publicitarios e, dentro destes, as redes sociais xogan un papel fundamental”, salientou Aira, para quen constitúen unha “canle fundamental” na selección de medios publicitarios de para calquera marca. “Xa hai tempo que non se pode dicir que as redes sociais son o futuro. As redes sociais son pasado, presente e futuro da mercadotecnia”, subliña.
Organizadas polo profesor Xabier Martínez Rolán, coa colaboración da facultade, o Consello Social da Universidade de Vigo e as empresas E-goi e Dinahosting, este ciclo aberto ao público arrancou na tarde do venres 26 de marzo pondo o foco nos chamados social ads. “A idea é que o alumnado coñeza os aspectos básicos do PPC (pago por clic) e poida aplicalo á ferramenta Facebook Business Manager”, que lle permitirá traballar nunha “rede publicitaria ampla”, que engloba, entre outras contornas, as redes de Facebook e Instagram, explicou Aira.
Profesor no Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, Aira salientou “orgullo por ter algo para compartir e a fortuna por poder facelo” que lle supón a súa volta como profesional á facultade na que se formou. “Internet medrou grazas a un modelo de compartir información libremente, que é xusto unha das virtudes da universidade”, salienta.
Seis obradoiros e seminarios
Dirixidos a completar os contidos de dúas materias, Produción publicitaria na web e multimedia e Proxectos interactivos en novos medios: web, dos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, respectivamente, os Publi&Webinars esténdense ata o mes de maio. O 9 de abril continúan cun coloquio sobre atención ao cliente en negocios web, a cargo da responsable de formación de Dinahosting, María Xosé Saborido, mentres que o martes 13 o consultor Wajari Velásquez impartirá un relatorio sobre posicionamento en buscadores. O venres 16, os egresados Ana Lage e Anxo Rey falarán da súa experiencia na creación de podcasts e o 27 de abril o consultor Anxo Sánchez abordará a creación dunha tenda online. O ciclo pecharase o 7 de maio co relatorio sobre mercadotecnia a través de correo electrónico do responsable de formación e internacional de E-goi, Daniel Alves.
As redes sociais para facer voar a publicidade centraron o arrinque en Pontevedra do ciclo Publi&Webinars
Compartir Este Artigo

