Altia compartiu novidades respecto da segunda edición do seu Altia Premia TFG ETSE, convocado en colaboración coa Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC para distinguir e visualizar os mellores Traballos Fin de Grao abeirados ao centro. Segundo fixeron saber, hai catro finalistas que optan ao premio: Martín Aller Domínguez, José Antonio Cutrín Garabal, Raquel Rodríguez Vilas e Javier Val Barbeira. Foron seleccionados por un xurado composto por profesionais de Altia e por docentes e investigadores da ETSE.
O premio é froito da estreita colaboración que manteñen dende hai anos a firma TIC galega e ETSE de Santiago, onde se imparte o Grao en Enxeñaría Informática.
Os catro finalistas terán que presentar cadanseus traballos perante o xurado o vindeiro 9 de abril, no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago de Compostela.
Este certame conxunto xorde co obxectivo de “premiar o talento, a paixón e o esforzo do novo talento dixital do alumnado do Grao de Enxeñaría en Informática, recompensando á persoa distinguida cunha contía de 1.500 euros”.
Para determinar a quen vai dirixido finalmente o recoñecemento avalíase a calidade do TFG e outros aspectos como a adaptación como produto ao mundo empresarial e a súa aliñación ás liñas estratéxicas de Altia, como poden ser temas de análise de datos masivos (Big Data), a Intelixencia Artificial (IA) ou a Ciberseguridade.
Catro finalistas dispútanse o galardón do II Altia Premia TFG ETSE
Compartir Este Artigo

