Finalmente a Deputación de Lugo gañou a fase do voto popular da Copa España Creativa ao recibir 22.000 apoios nas redes, o 35,6% total, moi por diante do segundo posto.
Así o fixo saber nunha rolda de prensa a organización deste certame estatal, que recoñece as iniciativas máis creativas e innovadoras do país para o desenvolvemento sustentable e no que participan autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de toda España.
A institución provincial concorre co seu proxecto para a recuperación e posta en valor dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
A votación levouse a cabo nunha web específica de España Creativa, onde están publicados os vídeos promocionais dos finalistas das catro categorías.
O proxecto presentado pola Deputación de Lugo, que participou na categoría Creatividade e Innovación Social e Territorial, foi o que tivo un maior apoio entre os 20 finalistas nesta primeira fase de votación, que supón o 40% do resultado final, mantendo unha diferencia de máis de 10 puntos respecto á proposta que quedou en segunda posición. A organización destacou neste sentido “a excelente difusión institucional” realizada pola institución provincial.
O gañador coñecerase no Fórum Orihuela 2020, que se celebrará a no mes de setembro, logo de que o evento tivera que ser adiado para esa data debido á crise sanitaria. Na cita, a Deputación de Lugo, xunto co resto de finalistas, presentará a súa iniciativa ante o xurado experto e que sumarán a súa puntuación, un 60% do voto final, aos resultados populares.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, celebrou a importancia deste apoio que demostra que se está a desenvolver “un bo traballo na provincia compaxinando a protección e o coidado do medio ambiente co desenvolvemento social e económico sustentable do territorio para xerar riqueza e emprego, e para fixar poboación no rural”.
Tamén fixo saber que a Deputación de Lugo defenderá o proxecto ante o xurado o segundo día do Fórum Orihuela 2020, o venres 24 de setembro. A candidatura que resulte gañadora será a encargada de organizar un evento de primeiro nivel con representantes de toda España de diferentes ámbitos e, ademais, ocuparase da celebración da Copa de España Creativa 2021.
A Deputación de Lugo, con 22.000 apoios na Rede, imponse no voto popular da Copa España Creativa
Compartir Este Artigo

