Este 10 de agosto procedeuse oficialmente ao lanzamento nas plataformas de Ti Primeiro, de Melgo Cinema, unha novela interactiva galega creada por Roberto Alvite que abre novos camiños de creatividade e de distribución para os nosos talentos literarios e, tamén, para os selos editoriais e as produtoras. Ti Primeiro chega ao mercado en seis idiomas, dispoñible para iOS e Android e en formato de aplicación móbil. Foi presentada o pasado mes de xullo na Deputación da Coruña, entidade que colaborou na súa produción. Daquela fíxose fincapé no seu marcado carácter innovador e pioneiro, xa que introduce “un novo concepto visual inédito en España, que mestura o audiovisual, a literatura e os videoxogos”.
Escrita, dirixida, producida e coprotagonizada por Roberto Alvite, fundador da produtora galega Melgo Cinema, Ti Primeiro está realizada con imaxe real e convida o usuario a vivir “unha experiencia inmersiva única mediante unha nova narrativa que explora as relacións de parella actuais e a súa evolución co paso do tempo”.
A través da aplicación móbil, os usuarios teñen a oportunidade de introducirse na intimidade dunha parella e elixir o camiño dos seus dous protagonistas que, tras meses de convivencia, deciden dar un paso máis e ter unha relación aberta. “As nosas vidas están marcadas polas etapas que imos superando, ben froito da madurez ou das experiencias vitais”, afirma o seu creador, Roberto Alvite, engadindo que “o xénero romántico permítenos emocionarnos xunto aos personaxes e, axudados pola narración interactiva, o usuario fai propios os éxitos e fracasos desta parella”.
A descarga do primeiro capítulo é gratuíta mentres que o prezo conxunto dos dous capítulos restantes que completan a experiencia atópase ao redor de 5 euros.
Sinopse
Existe unha única forma correcta de amar? Álex e Sebas están na cúspide da súa vida. Para eles todos os días sobordan amor, sexo e simpatía o un polo outro. Cando a parella decide abrir a súa relación, espera descubrir novos praceres á vez que manter e fortalecer o seu proxecto de vida. Esta nova experiencia axudaraos a descubrir outros xeitos de medrar e querer como persoas.
Lanzamento e filosofía de Ti Primeiro
Os tres episodios que compoñen esta experiencia innovadora protagonizada pola actriz Iris Darriba e Roberto Alvite, xa están dispoñibles para iOS e Android en seis idiomas: galego, español, inglés, francés, italiano e portugués de Brasil. Cada episodio, de aproximadamente 60 minutos de duración, representa a evolución dos personaxes ao longo dos anos. En datas vindeiras, Melgo Cinema ten previsto introducir novos idiomas, plataformas e públicos.
A contorna que serve de escenario a Ti Primeiro, para a que se usaron máis de 400 fotos de emprazamentos reais, foi rodada en localizacións da cidade da Coruña (Galicia) e os seus arredores.
Patrocinios e colaboradores
O proxecto contou coa colaboración da Deputación Provincial de Coruña, a participación de CREA SGR e o financiamento de Triodos Bank.

