A Xunta vén de outorgar a mención de excelencia a tres novos mestrados (másters) universitarios, conformando un panorama de seis titulacións que xa ostentan este selo de calidade nas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). As novas incorporacións son os mestrados en Bioinformática para Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, en Tradución para a Comunicación Internacional da Universidade de Vigo e en Biotecnoloxía Avanzada, que se imparte conxuntamente entre a UDC e a UVigo, tal e como establece a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.
Estas titulacións sumánse aos Máster Universitario en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, e o Máster Universitario en Enxeñería Informática (UDC); e ao Máster Universitario en Enxeñería Ambiental (USC), que o curso pasado inauguraron esta mención de calidade pioneira no conxunto do estado.
A mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, acredita, por unha banda, o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento; e, doutra banda, tamén supón unha garantía de futuro para os estudantes. Ademais, a obtención deste selo, que ten unha vixencia de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado nas accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario que, para este ano, prevé unha achega de 20.000 euros por cada unha delas.
O noso sistema universitario xa conta con seis mestrados excelentes
Compartir Este Artigo

