O Concello de Ferrol, de maneira complementaria á activación de contame.ferrol.gal (novo proxecto web ao servizo da cicadanía e as asociacións) prepara para a volta do verán máis formación tecnolóxica para “dotar á cidadanía de ferramentas e estratexias útiles para avanzar en novas propostas de perfil dixital”. Para iso (e trala frutífera experiencia da pasada primavera nos talleres de creación de contidos e de novos formatos e narrativas) a área de Cultura convocou un obradoiro de creación audiovisual e mapeo dixital para o vindeiro mes de setembro.
Este novo percorrido formativo está dirixido a calquera persoa creativa, especialmente aquelas que teñan relación coa arte, o asociacionismo e os ámbitos educativo e sociocultural, e ofrecerá, en palabras de Cultura, “a posibilidade de aprender a realizar pequenas pezas de vídeo e situalas nun mapa dixital, xerando un percorrido polo territorio en base a tres posibles temas: a memoria industrial, a memoria veciñal e a memoria dos lugares”.
O taller, que dispón de 20 prazas, desenvolverase entre o 17 de setembro e o 5 de novembro, terá carácter semipresencial e unha orientación moi práctica. As 40 horas de dedicación total estimadas distribuiranse entre sesións presenciais, en liña e traballo persoal. A inscrición, que pode formalizarse xa na web contame.ferrol.gal, estará aberta ata o vindeiro 13 de setembro ou ata pechar a capacidade do obradoiro.
O resultado final será un mapa aberto ao público que poderá visitarse na web de Cóntame Ferrol antes de que remate o ano, xunto cos demais contidos e experiencias recompiladas no marco do proxecto.

