A Concellería de Xuventude de Vilagarcía presentou unha iniciativa de formación e de lecer para adolescentes que se dirixe a introducilos na creación dos seus propios arquivos radiofónicos en liña: podcasts. Trátase do obradoiro Emotiradio, para mozas e mozos de entre 12 e 16 de anos, unha actividade enmarcada no proxecto de educación socio emocional que está a desenvolver a Concellería de Servizos Sociais para axudar á mocidade a afrontar as consecuencias da pandemia.
A finalidade é mostrarlles como se pode usar este vertente da comunicación dixital para “expresar sentimentos e inquedanzas” e poñer de manifesto “os temas que interesan á xuventude a través de entrevistas, cuñas radiofónicas ou música”.
O obradoiro desenvolverase do 6 ao 14 de setembro no Auditorio Municipal, con sesión diarias a realizar en horario de 11 a 13 horas. O número de prazas ofertado inicialmente é de 6, que, segundo fixo saber a organización, poderase ampliar “se no momento da celebración as normas sanitarias o permiten”.
A participación é de balde e os interesados deberán inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo xuventude@vilagarcia.gal. O prazo para anotarse vai do 17 ao 27 de agosto e as prazas cubriranse por rigorosa orde de entrada.
As primeiras xornadas adicaranse ao proceso creativo previo que require a realización dun programa de radio. Os participantes deberán decidir e consensuar os temas a tratar, a forma que terá o programa e as persoas a entrevista. “Isto permitiralles compartir ideas e situacións e reflexionar sobre as vivencias negativas e tamén as positivas que poden extraer da pandemia, tanto a nivel individual como colectivo”, explicouse na presentación. Como remate ao proceso creativo, o último día dedicarase a gravar o podcast.
O educador social que impartirá o obradoiro, Ramón Molina, explicou que “o feito de que as mozas e mozos participantes creen o seu programa radiofónico en torno as súas vivencias emocionais, ao período de pandemia e as súas implicacións sociais, comunitarias e persoais, constitúe un elemento favorecedor da súa resiliencia”. Para facelo posible, engadiu, “empregarán a radio como elemento vehicular, xa que é un instrumento de gran potencialidade para desenvolver a educación emocional do colectivo infanto-xuvenil, ao constituír un elemento fantástico para a súa expresión”.
Vilagarcía mergullará á mocidade local nas vantaxes comunicativas dos podcasts
Compartir Este Artigo

