A Deputación da Coruña, dende as áreas de Patrimonio e Turismo, licitou a mellora e actualización do Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate, uns traballos que incluirían unha completa e variada intervención tecnolóxica para poñer en valor o que é, hoxe por hoxe, un dos nosos grandes monumentos megalíticos. En concreto, entre os elementos a incorporar incluiríanse os seguintes: animación virtual en 3D, proxeccións multimedia, dispositivos táctiles para xogos educativos e unha aplicación para dispositivos móbiles de Realidade Aumentada.
A intervención museográfica, impulsada polas áreas de Patrimonio e de Turismo, ten un orzamento de licitación de 116.157 euros e as empresas interesadas poden presentar ofertas ata o 30 de agosto.
Segundo a entidade provincial, o obxectivo é “mellorar e actualizar o centro, dotándoo de novos contidos, de máis medios expositivos e cunha nova planificación dos espazos”.
Como dixemos, no proxecto terían especial relevancia os elementos tecnolóxicos, como por exemplo os contidos de animación virtual en 3D que integren tanto imaxes actuais como antigas, as proxeccións multimedia, ou as recreacións virtuais que permitan ao público trasladarse á Prehistoria. Outro dos recursos postos en xogo para un mellor coñecemento deste monumento entre as novas xeracións, e non tan novas, sería unha aplicación para dispositivos móbiles de Realidade Aumentada ou dispositivos táctiles que incorpore xogos interactivos para fomentar a participación activa por parte do público visitante.
O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, explica que do que “se trata é de realizar unha musealización acorde ás demandas da sociedade, introducindo os recursos dispoñibles grazas á tecnoloxía actual e apostando por infraestruturas culturais e turísticas de calidade, e ao mesmo tempo acorde tamén á importancia histórica do propio Dolmen de Dombate, que é un dos monumentos megalíticos máis representativos do país”.
A intervención museográfica pretende ademais crear espazos expositivos que “interactúen coas persoas visitantes para que poidan ter un papel activo durante a visita e poidan comprender de forma sinxela e atractiva a cultura megalítica e o papel protagonista do Dolmen de Dombate dentro da mesma”.
Ademais dos recursos multimedia, o proxecto contempla a realización de réplicas exactas de parte do material exposto ao público no Museo Arqueolóxico Castelo de San Antón (31 pezas entre as que se contan fragmentos de cerámica decorada, un vaso campaniforme reconstruído ou exemplares de brosas de pedra puída). Asemade, implicaría a substitución dos actuais paneis informativos de xeito que os novos inclúan información relativa ás intervencións arqueolóxicas realizadas en Dombate, unha explicación sobre os dolmens e os principais monumentos megalíticos da nosa terra, información sobre o Parque do Megalitismo da Costa da Morte e referencias lendarias e literarias sobre mouras, mouros e lendas relativas aos dólmenes.
Poderemos coñecer o Dolmen de Dombate con animacións virtuais e realidade aumentada
Compartir Este Artigo

