Desde a súa posta en funcionamento, no mes de xullo, a Oficina Acelera Peme da Cámara da Coruña xa atendeu as consultas dunha vintena de empresas interesadas en acelerar os procesos de transformación dixital para así mellorar en competitividade.
A oficina é froito dun convenio entre Red.es e a Cámara de España, que xuntaron forzas para crear as Oficinas Acelera Peme na Rede estatal de Cámaras de Comercio. Este acordo terá como obxectivo impulsar a evolución tecnolóxica das pequenas e medianas empresas, micropemes, autónomos e emprendedores.
No caso da Oficina da Coruña, atende de forma gratuíta e personalizada as firmas da área interesadas en comezar ou en avanzar nos seus procesos de dixitalización, pero tamén axuda a pemes provedoras de tecnoloxía a introducir os seus produtos e solucións no mercado.
Neste tempo, a Cámara da Coruña asesorou a empresas interesadas en mellorar o seu posicionamento en liña, en axilizar os procesos de xestión cos seus clientes, en automatizar trámites ou en optimizar a xestión de expedientes. Así mesmo, boa parte das consultas focalizáronse na aplicación práctica de melloras tecnolóxicas, como plataformas de e-learning, impresión 3D ou Intelixencia Artificial, entre outras. Outro dos puntos nos que se achega asesoramento é no eido da protección, achegando recursos para a mellora das operativas dos postos de traballo e evitar riscos e vulnerabilidades.
A Cámara axuda así mesmo ás empresas para atopar as liñas de financiamento máis axeitadas para acelerar a posta en práctica de cadanseus plans de dixitalización.
No mes de setembro xa hai programados dous webinars informativos. O 16 de setembro abordarase a cuestión da seguridade e a protección de datos e o día 30 profundarase en ferramentas de xestión e colaboración – Suite Office 365. Os interesados en ampliar información poden acudir á Oficina Acelera Peme, situada na sede da Cámara da Coruña. Tamén poden contactar a través do 981 216 072 ou ben escribindo a oap@camaracoruna.com.
A Cámara da Coruña axudou a unha vintena de empresas a transformarse dixitalmente
Compartir Este Artigo

