O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 19 de agosto os detalles de dous programas da Consellería de Emprego destinados a dotar ás empresas e aos traballadores de meirandes recursos tecnolóxicos para afrontar os novos retos que deixou a pandemia. Trátase de dúas iniciativas dotadas de 5,4 millóns de euros: as axudas dos bonos Consolida e as de Transforma Economía Social. Poden solicitarse ata o próximo 30 de setembro.
O Bono Consolida
O Bono Consolida ten como finalidade o afianzamento de entidades de economía social mediante tres liñas de axudas que inciden na transformación dixital das empresas para favorecer o incremento da súa competitividade. A Xunta prevé beneficiar con esta iniciativa a 300 empresas (cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción laboral ou centros especiais de emprego) que estean inscritas nos rexistros administrativos de Galicia e conten cunha antigüidade mínima de 42 meses.
Este programa inclúe tres liñas de apoio:
-Para a transformación dixital das empresas financiaranse os plans de usos de novas tecnoloxías, os equipamentos informáticos e a adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.
-A liña de profesionalización e desenvolvemento estratéxico apoiará as investigacións de mercado e análise de potencial competitivo; os plans de mercadotecnia, comunicación ou de relanzamento comercial; os plans de futuro e de mellora do negocio; os plans de mellora de xestión financeira; os plans de integración empresial; os análises de cumprimento normativo e riscos legais; a obtención de certificacións de calidade; e a creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade.
-O terceiro dos programas do Bono Consolida inclúe axudas para a adquisición de equipamento; reforma do local; e mobiliario.
Ao abeiro desta iniciativa inclúense anticipos de ata o 90%. Cubrirase ata o 80% do custo subvencionable cos límites seguintes: 10.000 euros para os gastos incluídos na liña de transformación dixital; e 5.000 euros en cada un dos outros dous programas. O máximo que poderá percibir unha empresa será 20.000 euros por solicitante.
O Bono Transforma Economía Social, pola súa banda, impulsará a recuperación duns 40 negocios en crise ou sen opción a remuda xeracional mediante fórmulas de economía social, apoiando ás persoas traballadoras que decidan asumir a titularidade destes negocios mediante a creación dunha cooperativa ou dunha sociedade laboral que lles permita manter os postos de traballo e a actividade económica.
O programa inclúe catro liñas de financiamento cun máximo de 50.000 euros por entidade beneficiaria. Así, a Xunta prevé apoios para investimentos vencellados á adquisición de activos esenciais para o óptimo funcionamento da nova entidade con apoios máximos de ata 40.000 euros; para os asesoramentos precisos no cumprimento das obrigas legais e no proceso de planificación e valoración económica previa ao proceso de transformación con axudas máximas de ata 10.000 euros; para o desenvolvemento de servizos de profesionalización, planificación e plans estratéxicos con apoios máximos de ata 10.000 euros; e para financiar gastos correntes nos que incorra a entidade transformada nos doce meses seguintes a súa constitución con axudas máximas de ata 10.000 euros.
O Bono Transforma Economía Social tamén inclúe anticipos do 90% e financiará como máximo o 80% dos custes. As contías máximas en cada liña de axudas incrementarase nun 10% no caso de entidades que se vaian a transformar e estean nun proceso concursal; cando a entidade transformada estea emprazada nun concello rural; o cando sean empresas orientadas á venda de produtos.
Emprego mobiliza 5,4 millóns para axudar á transformación das pemes e dos profesionais
Compartir Este Artigo

