O dominio Puntogal asinou un convenio de colaboración coa canle de divulgación científica Balea Vermella co obxectivo de patrocinar os directos que cada semana realizan en Twitch Javier Balea e Iria Veiga na nosa lingua, dando a coñecer pequenos e grandes detalles do coñecemento científico. O programa, que tamén se pode desfrutar desde YouTube e iVoox, foi posto en marcha hai medio ano. A través, tócanse temas candentes como a emerxencia climática, as superbacterias ou a observación astronómica.
Agora, co remate do verán, Balea e Veiga queren prolongar a fórmula previa, unha fórmula de éxito que acadou importantes cotas de seguimento e participación entre as novas xeracións, e “seguir conversando con figuras destacadas da investigación e da divulgación no noso país. Entre as novidades, inclúense seccións sobre diversas temáticas nas que participarán varios divulgadores que terán un espazo como colaboradores. Javier Balea sinalou que unha das ideas principais tamén será “seguir creando sinerxías coas compañeiras de Ecos de Xigantes e Ciencia e tal, para que a divulgación da ciencia en galego no Twitch medre cada vez máis”.
PuntoGal engloba esta colaboración dentro do seu programa corporativo de apoio a iniciativas do ámbito da lingua, a cultura ou a tecnoloxía, na que tamén figuran o premio Spin-Off PuntoGal, o apoio ao podcast Café Derby, a colaboración con Vinte en temas de internet ou certame de microrrelatos coa RAG, entre outras actividades.
En palabras da asociación Puntogal, “Balea Vermella cumpre cos obxectivos de normalizar o idioma a través das redes e tamén favorece o coñecemento científico empregando novas plataformas de contido”.
A nova tempada dos directos en Twitch de Balea Vermella contará co apoio de PuntoGal
Compartir Este Artigo

