
A actividade vén da man da Fundación Paideia co apoio da EOI (Escola de Organización Industrial) a Deputación da Coruña e a Asociación Deloa.
Na presentación do programa en Boiro, que tivo lugar este 27 de agosto, estiveron o alcalde, José Ramón Romero, e o vicepresidente de Paideia, Guillermo Vergara.
No caso da vila barbanzá, o programa formativo vaise desenvolver entre os meses de setembro e decembro no Lab Barbanza. Trátase dunha serie de obradoiros para mozos e mozas desempregados, menores de 30 anos, que se van formar en mercadotecnia (márketing) dixital e tamén en fórmulas de traballo cooperativo. As persoas participantes van recibir 250 horas de formación e un traballo final en grupo, propoñendo un modelo de cooperativa dirixida ao sector da promoción comercial abeirada ás novas ferramentas e comunidades en liña.
Este programa formativo está pensado para mozos e mozas con interese polo sector da nova mercadotecnia, a comunicación, as redes sociais e o deseño gráfico. O proxecto máis destacado dos realizados durante o programa vai recibir apoio durante un ano para a súa posta en marcha, incluíndo os gastos de constitución e os salarios.
A formación está destinada a mozos e mozas desempregados de entre 18 e 29 anos. No caso de Boiro, vaise levar a cabo no espazo Lab Barbanza entre o 17 de setembro e o 17 de decembro, de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 horas. O curso é gratuíto e as inscricións para participar no programa están abertas ata o vindeiro 7 de setembro a través da web de Paideia.
Paideia desenvolve en Boiro e As Pontes un curso sobre mercadotecnia dixital para mocidade desempregada
Compartir Este Artigo

