Correos entregou 1.534 novos dispositivos portátiles de mobilidade (PDA) ao seu persoal de reparto en Galicia. Máis polo miúdo, entregáronse 670 na Coruña, 93 en Lugo, 229 en Ourense e 542 en Pontevedra.
Os novos trebellos inclúen unha mellora tecnolóxica pioneira que permite o cobro con cartón na propia PDA, que se empezará a utilizar en Lugo para logo estenderse a todas as provincias.
Concretamente, o novo equipo do fabricante Honeywell é un 35% máis rápido cós actuais e dispón dunha memoria interna de 6 GB fronte á actual de 1 GB, que “permitirá o desenvolvemento de mellores aplicacións”, informou Correos, poñendo o foco nas potencialidades da súa pantalla máis grande (5,5 polgadas), que dota aos dispositivos de meirande comodidade no uso, ao igual que o seu peso (só 260 gramos) e a súa feitura (son máis robutos e non precisan de funda).
As novas PDA axudarán nos procesos que se realizan nos centros de clasificación de paquetería e mellorarán os servizos que se realizan durante o reparto de envíos. “O seu uso”, explican dende a empresa, contribuirá a estender os servizos á contorna rural, “facilitando a vida dos cidadáns en calquera recuncho de Galicia” e poñendo en xogo funcionalidades para a veciñanza como a do pagamento dos servizos con cartón bancario desde o propio dispositivo portátil. De feito, lector NFC co que se dotou a estes novos terminais permite a lectura de calquera tarxeta contactless, smartphone ou, mesmo calquera reloxo intelixente. Como dixemos, a previsión é arrincar un piloto da prestación deste novo sistema de cobro con carteiros rurais da provincia de Lugo e, antes de que finalice o ano, estendelo aos máis de 6.000 empregados e empregadas que traballan no rural de todo o territorio nacional.
Correos fai chegar máis de 1.500 PDA aos seus repartidores en Galicia
Compartir Este Artigo

