A empresa galega Sateliun, firma especializada en sistemas telemáticos e de xestión de frotas, acadou un acordo coa Asociación Nacional de Transportistas de Animais Vivos (ANTA) destinado a garantir, empregando a tecnoloxía da compañía, o benestar dos animais durante o seu traslado. Máis polo miúdo, o acordo permitirá que todos os asociados da entidade poidan dispor do software de xestión de frotas de Satelium, e poidan facelo, ademais, “cunhas condicións económicas especiais o que facilitará o acceso ao sistema dos socios”.
A ferramenta non só permitirá aos usuarios controlar e xestionar en tempo real todo tipo de parámetros sobre a súa actividade profesional (requisitos para o transporte de animais, tempos de cara e descarga, espazos, temperatura, ventilación, alimentación, apertura de portóns, enchido de depósitos de auga, etc) coa incorporación de sensores nos seus vehículos, senón tamén almacenar datos e elaborar informes para presentar ante as autoridades se se dese o caso dunha inspección.
En palabras de Sateliun, “a solución que achegamos a ANTA está deseñada para garantir o benestar dos animais transportados e o cumprimento da lei que rexe este transporte, e tamén para mellorar a seguridade de vehículos e traballadores, así como para asegurar a optimización da frota, planificar rutas, permitir un aforro de custos ou realizar unha condución máis eficiente e respectuosa co medio ambiente”.
A galega Sateliun envorca neste acordo a súa ampla experiencia en monitoraxe de vehículos máis de 20.000) e en produtos tecnolóxicos que permiten o control e a xestión en tempo real de frotas de vehículos industriais ou comerciais, a través dunha avanzada plataforma en liña e dunha aplicación propia dispoñible para dispositivos iOS e Android.
A galega Sateliun mellorará o transporte de animais coa súa tecnoloxía de xestión de frotas
Compartir Este Artigo

