Este 1 de setembro celebrouse en Cans (O Porriño) unha gran festa de celebración do audiovisual galego, encadrada nas actividades do xa mítico festival da dita parroquia de Porriño. En concreto, conmemoráronse as importantes contribucións da actriz galega Pilar Pereira, finada en 2020.
Na cita participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a actriz Camila Bossa, filla da homenaxeada; Isabel Blanco, en representación da fundación AISGE (Actores e Intérpretes, Sociedade de Xestión de España), e Alfonso Pato, director do festival. Xuntos participaron na inauguración da rúa efémera de Pilar Pereira, en homenaxe á actriz compostelá, en palabras do secretario xeral “unha das imprescindibles no proceso de normalización lingüística desde o sector audiovisual e desde o teatro”. Na inauguración engadiuse unha placa conmemorativa á do director homenaxeado na edición anterior, Chano Piñeiro.
Proxección de curtas e entrega de premios escolares
No marco da programación do festival tamén se proxectaron as pezas gañadoras do Concurso de Curtas Senda dos Faros, convocado pola Consellería de Cultura e Educación. Valentín García entregou o primeiro premio, un cheque de 1000€ para material audiovisual ou literario en lingua galega, ao representante do IES Plurilingüe A Cachada (Boiro, A Coruña) pola súa curta Sálvora. O segundo e o terceiro premio, de 600 e 400 € respectivamente, foron entregados polo delegado en Galicia de Energías de Portugal Renováveis (EDPR), Juan Rey Couselo, e polo director do festival, Alfonso Pato, para os IES Monte Neme (Carballo, A Coruña), polo seu traballo De naufraxios, faros e lendas: do Cemiterio dos Ingleses a Camariñas e para o Conservatorio de Música Xan Viaño (Ferrol), pola curta A melodía do faro.
Este certame é unhas das iniciativas programadas para promover a Senda do Litoral Galego, un itinerario de interese paisaxístico contemplado nos instrumentos de ordenación do territorio de Galicia, e fomentar o usa da lingua oral entre a mocidade través do emprego das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
O secretario xeral destacou que “malia as dificultades impostas pola pandemia, chegaron a participar 18 centros educativos con 24 vídeos en lingua galega de gran calidade”.
Apoio ao audiovisual
Valentín García salientou en Cans que o seu departamento apoia un ano máis este encontro a través dunha liña específica de subvencións a festivais audiovisuais, que este ano incrementou o seu orzamento ata os 200.000 euros. O Festival de Cans chega así á súa 18º edición, que se desenvolve entre os días 1 e 4 de setembro, adaptado ao contexto derivado da crise sanitaria e cun amplo programa para todos os públicos que se achega ás edicións preCOVID.

