
No arrinque da súa actividade, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, fixo saber ante o sector (as asociacións e as empresas audiovisuais galegas) que a iniciativa mobilizará unha inxección total de 9,6 millóns de euros ata 2023 (a través do fondo FEDER e o eixo React-UE). De inicio suporá unha contía de 2 millóns.
En palabras do conselleiro, esta achega inicial supón o arranque dun “programa de apoio sen precedentes para acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector”.
Segundo engadiu, a posta en marcha da Galicia Film Comission, as subvencións para o desenvolvemento de grupos de proxectos, o polo de talento do sector audiovisual, o plan creativo e empresarial para videoxogos e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural son algunhas das principais iniciativas que serán desenvolvidas proximamente ao abeiro do Hub.
Plan para os videoxogos
No caso do Plan de desenvolvemento creativo e empresarial dos videoxogos, a Xunta busca “dar resposta ao potencial do sector en Galicia” e “á necesidade de vertebrar este talento en diferentes áreas de actividade, apoiando tanto a guionización, produción e comercialización de videoxogos, como o desenvolvemento de software, especialmente no eido dos motores e micro-pagos”.
Ademais, o Hub Audiovisual suporá a creación da Galicia Film Comission, un proxecto que viña sendo demandado polo sector e que se materializará na activación dunha plataforma web con distintas utilidades, tanto para obter unha ampla información sobre a produción e rodaxe de obras audiovisuais en Galicia como para a realizacións de xestións en liña.
Amais, os profesionais emerxentes poderán coller impulso cun Polo de Talento do Sector Audiovisual, a través do que será artellado un paquete de medidas centradas especialmente en áreas como a creación, a guionización ou a dixitalización, co “obxectivo de mellorar as súas competencias técnicas e de promover novos enfoques na xestión e desenvolvemento das súas carreiras”.
O Hub Audiovisual da Industria Cultural contará, así mesmo, cun fondo transversal para o conxunto da industria cultural encamiñado a equipamentos e promoción de proxectos I+D+i.
O Hub Audiovisual da Industria Cultural inclúe unha aposta firme polos videoxogos
Compartir Este Artigo

