Un proxecto tecnolóxico con vontade de inclusión social dirixido por persoal investigador do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña vén de ser galardoado na segunda edición dos Premios a Proxectos de Innovación Docente en Aprendizaxe-Servizo da UDC.
Trátase do proxecto TFG para o desenvolvemento de aplicacións informáticas de apoio á diversidade, dirixido polo subdirector do CITIC Javier Pereira Loureiro e os docentes da Facultade de Informática e persoal investigador do CITIC, Adriana Dapena Janeiro, Paula Castro Castro e Óscar Fresnedo Arias. En concreto, recibiron o segundo premio da modalidade Atención á Diversidade, dotado cunha contía de 400 euros.
O xurado dos premios, convocados polo Vicerreitorado de Internacionalización e Cooperación e o Vicerreitorado de Planificación Académica e Innovación Docente, fixo pública a listaxe definitiva de proxectos premiados o pasado 10 de setembro. En total, outorgáronse seis premios, dous por cada liña temática de participación: sustentabilidade, atención á diversidade e redución das desigualdades.
Amais da contribución dos investigadores de CITIC, resultaron recoñecidas as seguintes propostas:
-Economía con ciencia e conciencia: fomentando o desenvolvemento sostible, a cargo de Laura Varela Candamio (600 €).
-Taller de reciclaxe e consumo responsable. María José Abad López e Ana Isabel Ares Pernas (400 €).
-Práctica de curtametraxes de Ficción Audiovisual coa Asociación Down Coruña. Teresa Nozal Cantarero e Sandra Martínez Costa (600 €).
-Historias de vida, territorio e vulnerabilidade. Cartografía emocional do dereito ao hábitat na cidade da Coruña. De Laura Cruz López (600 €).
-Asesoría xurídica a familias, colectivos e persoas en risco de pobreza ou exclusión social. De Carmen Garcimartín Montero, Xosé Manuel Carril Vázquez e Rocío Quintáns Eiras (400 euros).
Premiado na UDC un proxecto de tecnoloxía inclusiva impulsado dende o CITIC
Compartir Este Artigo

