Finalmente a Deputación de Lugo foi a entidade gañadora da Copa España Creativa 2020, logo de impoñerse na fase de votación popular, en primavera, ao recibir 22.000 apoios nas redes, o 35,6% total, moi por diante do segundo posto. A entrega de recoñecementos celebrouse este sábado en Orihuela, no marco do sétimo Foro de Cidades e Territorios Creativos de España.
Este certame estatal recoñece as iniciativas máis creativas e innovadoras do país para o desenvolvemento sustentable e no que participan autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de toda España. A institución provincial concorreu co seu proxecto para a recuperación e posta en valor dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
A votación levouse a cabo nunha web específica de España Creativa.
O proxecto presentado pola Deputación de Lugo, que participou na categoría Creatividade e Innovación Social e Territorial, foi o que tivo un maior apoio entre os 20 finalistas na primeira fase de votación, que supuxo o 40% do resultado final. Esta posición de liderado foi ratificada este sábado polo xurado experto, despois da defensa do proxecto que realizou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao xefe do servizo provincial de Medio Ambiente, Luis Fernández Reija.
Participaron autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de todo o país con proxectos innovadores para o desenvolvemento sostible do territorio.
O residente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, expresou este domingo a súa “enorme satisfacción” polo premio, que supón “un importante recoñecemento ás políticas e á estratexia que promovemos para apoiar ao rural e ao sector primario, e para favorecer deste xeito o desenvolvemento social e económico sustentable do territorio, xerar riqueza e emprego, ordenar o territorio e fixar poboación”.
Agora, a Deputación, como gañadora da Copa España Creativa, será a encargada de organizar o vindeiro ano este evento, que reunirá a colectivos e institucións de toda España.
O proxecto gañador
O proxecto co que a Deputación de Lugo gañou a Copa de España Creativa 2020 ten como obxectivo a recuperación, conservación e aproveitamento económico sustentable dos soutos existentes na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, dentro do compromiso e o traballo que se leva a cabo dende a institución provincial para “xerar riqueza e emprego no rural lucense, e fixar así poboación, aproveitando para iso os recursos naturais propios”.
O traballo, que foi desenvolvido en colaboración coa cooperativa ancaresa A Carqueixa, consistiu en tres liñas de actuación moi envorcadas no ámbito tecnolóxico: a elaboración dun mapa dos bosques de frondosas autóctonas que, segundo os labores desenvolvidos representan o 28% da Reserva con 15.000 hectáreas; a elaboración dun mapa de masas de castiñeiros que, con preto de 5.000 hectáreas, supoñen o 9% deste espazo natural e das cales 1.000 hectáreas están catalogadas como monte comunal de titularidade municipal; e a identificación da verdadeira propiedade dos montes comunais dos soutos de Vilor, en Navia de Suarna, e Vilaver, en Cervantes, para proporcionar a seguridade xurídica que posibilite a súa explotación e conservación.
Rede de Cidades e Territorios Creativos de España
A Deputación de Lugo forma parte da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España como socia fundadora. Esta entidade foi constituída en 2016 en Monforte de Lemos, e entre os seus obxectivos está a mellora na xestión da diversidade cultural de España e a cohesión social, potenciar a innovación como modelo do desenvolvemento e turismo cultural e creativo, impulsar todos os sectores da economía a partir do valor engadido da cultural, e favorecer o diálogo entre territorios.
A Deputación de Lugo gaña a Copa de España Creativa logo do éxito da súa candidatura nas redes
Compartir Este Artigo

