
A xornada celebrarase de maneira presencial, para un grupo máximo de quince profesionais do sector das TIC ou outras persoas interesadas na materia, no Centro GaiásTech situado na Cidade da Cultura en Santiago (Monte Gaiás, s/n. Edificio CEM) ás 15:00 horas. Ademais, poderase seguir en streaming onde os participantes interactuarán co relator a través do chat.
O relator desta xornada será Darío Álvarez, doutor en Informática pola Universidad de Oviedo, vicedecano do Colegio Oficial de Ingenieros en Informática do Principado de Asturias, e membro da Comisión de Ética e Deontoloxía do CCII. Impartirá unha conferencia titulada Ética e Deontoloxía na Enxeñaría en Informática. O selo de Empresa éTICa do CCII na que ofrecerá unhas nocións básicas sobre a ética e deontoloxía profesional en informática, para continuar cos aspectos máis relevantes do Código Ético e Deontolóxico da Enxeñaría Informática, recentemente aprobado polo CCII.. Finalizará informando sobre o novo Selo de Empresa éTICa, que vantaxes aporta para as empresas e cales son os requisitos necesarios para solicitalo.
Ademais dos beneficios na relación da profesión coa sociedade, Darío Álvarez sinala que as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática poden ter apoio do código ético na toma das mellores decisións profesionais posibles, respectando os intereses do cliente, do empregador, do profesional, da sociedade no seu conxunto e da propia profesión. Esta relevancia da ética profesional na Enxeñaría en Informática tamén se observa na extensión da aplicación do concepto de ética profesional non só ao profesional individualmente, senón á organización na que desempeña a súa actividade.
Para responder aos retos que presenta a aplicación da ética e deontoloxía profesional no nivel empresarial, o CCII lanzou a iniciativa pioneira do Selo de Empresa éTICa e un rexistro das mesmas para poñer en valor a estas empresas, favorecer a súa identificación e axudar á formulación posterior de políticas específicas para elas. Darío Álvarez explica que esta iniciativa para empresas, autónomos e institucións certifica que desenvolven servizos tecnolóxicos de calidade.
Este programa forma parte dunha ampla axenda que a AMTEGA está a promover desde o centro Gaiastech, onde a tecnoloxía convertese no vector do cambio das nosas organizacións que poden dar respostas innovadoras e cun alto valor engadido ás demandas da nosa sociedade. Para coñecer a axenda de actividades pódese facer accedendo ao portal dixital gaiastech.xunta.gal.
A ética na Enxeñaría Informática centra a nova xornada tres14.pm do CPEIG e AMTEGA
Compartir Este Artigo

