Representantes do Partido Popular de Galicia, do Bloque Nacionalista Galego e do Partido Socialista de Galicia mostraron esta mañá a súa adhesión formal e unánime á petición da Mesa pola Normalización Lingüística no Parlamento de Galicia para que “a nova lei xeral de comunicación audiovisual que ultima o Goberno estatal inclúa o galego nas medidas de protección da dobraxe, da lexendaxe, das audiodescricións e do financiamento anticipado establecidas para o español”.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, agradeceu o acordo amosado neste punto polas forzas políticas galegas e recordou que “a Lei do audiovisual que se debaterá en próximas datas no Estado é unha transposición dunha directiva europea que busca garantir a difusión e creación nas linguas europeas”. E engadiu: “Sen audiovisual non hai futuro para ningunha lingua nin cultura”, abondou, “e por iso a lei fixará unha cota mínima de dobraxe, lexendaxe, audidescricións e financiamento de producións no Estado Español por parte das plataformas de emisión audiovisuais (5% de ingresos)”.
A popular Raquel Arias puxo en valor “a unanimidade amosada tanto na votación parlamentaria da Iniciativa Xabarín como nesta solicitude actual perante a lei estatal” e recordou “a importancia transcendental que ten a presenza da nosa lingua no audiovisual global para un sector económico que xa supón un 2% do PIB galego”.
A nacionalista Mercedes Queixas salientou “o aval das máis de 33.000 sinaturas coas que chegou a Iniciativa Xabarín ao Parlamento galego, que demostraban o pulo social exemplar que merecía o acordo unánime dos partidos políticos desta cámara”.
A socialista Noa Díaz destacou “a relevancia deste consenso social e político que pide “a igualdade” entre as linguas oficiais dun Estado plurilingüe e explicou que confía que o proxecto que se presentará ao longo dos próximos días recolla “as modificacións que se solicitan, desde Galicia e desde outros territorios”.
Iniciativa Xabarín aprobada en maio
O Parlamento galego aprobou por unanimidade, o pasado 12 de maio, a chamada Iniciativa Xabarín para a mellora da presenza da lingua galega no audiovisual na que, xunto con outros puntos, solicitábase “que a lexislación estatal equiparase para o galego as porcentaxes na dobraxe, lexendaxe, audiodescricións e financiamento anticipado previstas para o castelán”. O texto aprobado por unanimidade no Parlamento galego instaba a “que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda” e mais a “reclamar da Corporación de Radio Televisión Española que emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa aplicación móbil”.
A Mesa pola Normalización Lingüística enviou o pasado 10 de xullo as alegacións correspondentes á Lei Xeral de Comunicación Audiovisual á Secretaría de Estado de Telecomunicacións, solicitando o recoñecemento da pluralidade lingüística como principio básico; o estabelecemento dunha porcentaxe idéntica ao castelán nos contidos mínimos en galego e nas outras linguas cooficiais tanto para televisión como plataformas dixitais como Netflix, HBO, Disney+ ou Prime Video e mais no deber de financiamento antecipado a obra audiovisual europea; a incorporación do galego e das outras linguas cooficiais nos subtítulos, dobraxes e audiodescripcións, nos mesmos contidos que o castelán; a consideración da lingua galega como contido de interese xeral en audio ou texto escrito (dobraxe, subtítulos, audidescricións); que webs e outras interfaces de comunicación dixital coa persoa usuaria ou cliente incorporen as linguas oficiais; e asegurar a reciprocidade con Portugal.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembrou que dos 25.872 títulos entre series e filmes dispoñibles nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. “Esta oportunidade de mudalo é única”, remata Maceira.
PP, BNG e PSOE pechan fileiras coa Mesa para que a Lei de Audiovisual non marxine os contidos en galego
Compartir Este Artigo

