A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de convocar ás persoas afectadas polas recentes tentativas online de estafa e suplantación bancaria (phishing) perpetradas na nosa terra. A cita será este xoves 30 de setembro ás 18.00 horas no salón de actos do Edificio Cersia, en Santiago. Vén motivada polo “aumento de casos detectadas nas últimas semanas e a falta de resposta das entidades e autoridades. Na convocatoria buscarase coñecer o alcance do dano ás persoas afectadas e deseñar liñas de actuación conxunta ao seu carón.
Incremento de casos
O equipo técnico da Unión de Consumidores de Galicia confirmou un aumento de casos de phishing bancario, de feito, “só neste mes de setembro atendéronse 10 casos de persoas que foron vítimas deste tipo de estafas”. A estes casos directamente atendidos pola asociación súmanse os daquelas persoas que se están a agrupar por propia iniciativa e que segundo as estimacións dos propios afectados superan o número de 40 familias.
Coñecer o alcance dos fraudes
Co ánimo de coñecer de primeira man o alcance destas fraudes, a metodoloxía utilizada polos delincuentes e as respostas recibidas por parte das entidades financeiras e as distintas autoridades, Unión de Consumidores de Galicia contactou con distintas persoas afectadas acordando organizar unha xuntanza con todas as persoas que desexen trasladar o seu caso a esta organización.
UCGAL considera que antes de poñer en marcha actuacións de natureza xudicial, “cómpre esgotar calquera outra vía de acción, en especial o contacto directo coas entidades financeiras para estudar as vías que permitan a recuperación do diñeiro, e analizar aspectos como a seguridade dos sistemas, aplicacións e protocolos, así como a formación das persoas usuarias da banca electrónica e móbil”.
UCGAL convoca en Santiago ás persoas afectadas polos recentes casos de phishing bancario
Compartir Este Artigo

