Se hai que combater as fake news, os prexuízos e as ideas preconcibidas, que mellor que facelo nos sitios onde prolifera esta información? Esta fórmula infalible é a que están a empregar os protagonistas de A Tribo, dúas ducias de adolescentes da nosa terra que crean e personifican unha campaña na que piden que a sociedade “non mire para outro lado” e teña espírito crítico cando recibe información sobre este grupo de idade. Trátase dun novo e encomiable proxecto tecnolóxico de empoderamento que, desta volta, pon o foco na rapazada en risco.
Sete meses de labor intenso
Do seu traballo colectivo durante sete meses nace a campaña Vas permitir que o comezo marque o noso destino? coa que nos contan as súas vidas e pretenden desmentir os bulos e prexuízos que aínda pesan sobre a rapazada en risco de exclusión social. Fano empregando diferentes formatos e soportes: desde o transporte urbano e as paredes dos institutos e outros espazos públicos de Galicia e desde as redes sociais recórdannos que as súas voces tamén importan e que deben ser escoitadas.
Aitor, Alecoy, Valentina, Aroha, Gabriel, Karma, Ilias, Jordan, Jorge, Natxo, Lorena, Mariana e Chari piden que “non xulguemos nin poñamos límites á súas vidas, que non miremos para outro lado nin deixemos que caian”.
Curtametraxes, fotografías e pílulas sonoras
A campaña, que se presentou na mañá deste 28 de setembro en Santiago de Compostela, forma parte dunha intervención integral capitaneada polas ONG galegas AGARESO e IGAXE co apoio de Fundación La Caixa.
“A Tribo traballou durante 12 meses para fortalecer as capacidades das e os mozos en risco de exclusión, tanto desde o ámbito educativo como psicosocial, e para loitar contra os estereotipos que parte da sociedade ten aínda por certos, como que a mocidade tutelada está nun centro de protección por facer algo malo ou que alumnado con dificultades nos estudos non ten vontade de aprender”, explicaron os impulsores da iniciativa na súa presentación, poñendo o foco no risco que implican en moitas ocasións os estereotipos que se manteñen no tempo e teiman en non desaparecer, pois “afectan a persoas que xa parten dunha situación vulnerable e poden chegar a converterse nun estigma moi doloroso”.
A Tribo quere dar unha viraxe radical ao devandito estigma e mostrar “as enormes capacidades desta rapazada, o seu talento, a súa creatividade e a súa capacidade de esforzo e de análise da realidade”.
Adolescentes con voz propia e espírito creativo
Na xeración do proxecto e na materialización dos contidos, foron os propios adolescentes os que decidiron o que querían contar e como contalo. Fixérono a través dun obradoiro de comunicación participativa que se estendeu de xaneiro a xullo de 2021 (desenvolvido en plena pandemia) e do que xurdiron centos de fotografías, varias pílulas sonoras e catro curtametraxes que se estrearon a pasada primavera e que agora pódense ver libremente en Internet, a través das webs de AGARESO e IGAXE. “Nestes contidos tratan temas como os conflitos familiares e o abandono infantil, a vida nunha vivenda de acollida, o racismo que sofren as persoas migrantes e o estigma que acompaña as menores tuteladas ou especialmente vulnerables”, engadiron dende as devanditas ONG na presentación do proxecto, facendo fincapé no importante espírito creativo que xurdiu das sesións de traballo: “A rapazada guionizou, protagonizou e gravou integramente as súas historias, co obxectivo de demostrar e de demostrarse que a súa mirada sobre o mundo importa, que os conflitos que lles atravesan a vida a eles e elas importan”.
Na presentación, unha das participantes fixo saber que “os temas que tratamos foron elixidos por todos os integrantes do grupo, entón teñen unha parte de cada un de nós”.

