A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) distinguiu coas Medallas de Investigación 2021 a traxectoria consolidada de cinco científicos galegos en activo das nosas tres universidades. Estes recoñecementos, que chegan á súa terceira edición, salientan conribucións senlleiras en investigación, desenvolvidas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos.
Carmen Álvarez Lorenzo (Santiago de Compostela, 1970) recibe a medalla Ánxeles Alvariño González, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. É catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC. É académica numeraria da Real Academia de Farmacia de Galicia e Fellow do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE).
A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC, destaca a traxectoria de Carlos Hervés Beloso (Marín, 1953), catedrático desde 1989 que exerce como docente e investigador desde 1975, ano no que se licenciou en Ciencias Matemáticas na USC con premio extraordinario.
O enxeñeiro de telecomunicacións Luis Castedo Ribas (Santiago de Compostela, 1966) foi o elixido pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. É catedrático da UDC á que se incorporou en 1994 tras obter un ano antes o título de Doutor Enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid. É coautor de máis de 300 artigos en revistas e congresos internacionais de referencia en enxeñaría de comunicacións sen fíos. Dirixiu 16 tese de doutoramento. É coordinador do grupo de investigación en Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións co que desenvolveu máis de 50 proxectos de investigación de financiamento público e asinado máis de 30 contratos de transferencia de tecnoloxía con empresas.
A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle a Manuel Eulogio Ladra González (A Coruña, 1956). É catedrático de Álxebra na USC e socio da RSME. Con 43 anos de actividade docente, Manuel Ladra desenvolveu toda a súa actividade académica, profesional e investigadora na USC. Dirixiu 15 teses de doutoramento e actualmente dirixe outras dúas.
Pola súa banda,María Antonia Señarís Rodríguez (Santiago de Compostela, 1965) recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía. É catedrática de Química Inorgánica da UDC, onde desenvolveu a maior parte da núa carreira.
A entrega das medallas celebraraswe no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, que se celebrará o vindeiro 8 de outubro no Colexio de Fonseca en Santiago. Tamén se homenaxeará como Científica Galega do Ano a figura de Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética médica en España.
A RAGC distingue coas Medallas de Investigación a cinco científicos das nosas universidades
Compartir Este Artigo

