O histórico foro tecnolóxico GaliciaTIC, organizado pola asociación empresarial Ineo, chega á súa edición 19 entre o mércores e o xoves (6 e 7 de outubro) en formato mixto, a mañá do mércores na Cidade da Cultura e tanto a mañá como a tarde do mércores, así como o xoves, en formato en liña. O obxectivo da nova convocatoria é “reflexionar e debater sobre os retos da dixitalización nun contexto no que a pandemia acelerou de forma exponencial as mutacións tecnolóxicas na estrutura económica, na organización do traballo e na relación cos clientes”.
Con este obxectivo marcado pola organización, reuniranse no marco do atopo empresas e profesionais do sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e doutros ámbitos produtivos interesados en coñecer novidades tecnolóxicas para mellorar tanto a súa organización como a súa competitividade.
O formato mixto (que permite combinar sesións presenciais e online), segundo lembra Ineo, xa foi aplicado con “gran éxito” na anterior edición: “Este modelo híbrido, que se impuxo o ano pasado polas circunstancias sanitarias, permitiu en 2020 duplicar a asistencia habitual ao superar os 450 participantes”, explica a asociación, engadindo que “os datos rexistrados na pasada edición animaron á organización de GaliciaTIC a continuar explorando esta exitosa fórmula”.
O programa inclúe relatorios maxistrais, mesas de debate, presentacións ou demostracións. Reunirá ao longo das dúas xornadas a representantes da chamada “tripla hélice da innovación”, ou sexa, a administración, a universidade e a empresa.
Así, en GaliciaTIC intervirán representantes da Xunta de Galicia, dos Concellos de Santiago, Vigo e Xetafe, das Universidades de Santiago e Vigo, así como de empresas de diferente tamaño como son Oracle, Deloitte, Optare, Edisa, R, Imatia, Everis, Cinfo ou Orange, entre outras moitas.
Programa
A axenda comezará o mércores ás 09.30 h. de forma presencial coa mesa inaugural, que versará sobre os desafíos que se presentan ao sector TIC, especialmente nun momento que non foi planificado e que empuxou a empresas, organizacións e traballadores a abordar unha dixitalización acelerada. Moderada por Miguel Merino, director de GaliciaTIC, a mesa contará con Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Fernando Guldrís, director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE); Carlos Suárez, director xeral de Edisa; Fernando Vázquez Núñez, director executivo de Imatia, e Luis A. Álvarez-Sestelo, presidente da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo).
A xornada continuará ás 10.00 h. da man de Senén Barro, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), que ofrecerá un relatorio maxistral sobre o futuro inmediato da Intelixencia Artificial. A partir de aí, o programa incluirá tanto o mércores como o xoves mesas temáticas sobre asuntos tan variados como o impacto das TIC no coidado dos nosos maiores, a ciberseguridade, a extensión da 5G en Galicia, as tecnoloxías Cloud Native e Realidade Aumentada ou as sinerxías tecnolóxicas e colaborativas, tanto na esfera público-privada como entre empresas.
O evento tamén contará con diferentes webinars que se poderán seguir por streaming. Por exemplo, Abel Fernández Ardura, de Leyton, centrará o seu nas axudas públicas para financiar proxectos de dixitalización; Juan Carlos Núñez Suárez, de Imatia, ofrecerá un sobre as claves da minería de procesos; e Alejandro Alonso Rodríguez, de Everis, impartirá o seu sobre ciberseguridade na Industria 4.0.
A última sesión antes do peche de conclusións dedicarase a diferentes casos de éxito empresariais na transformación dixital e á presentación da Oficina Acelera PEME, que xestionará Ineo ata maio de 2023 tras ser seleccionada por Red.es para asesorar e impulsar a dixitalización de empresas do sur de Galicia (con sedes en Vigo en Ourense).
Ineo, para a organización do GaliciaTIC, conta este ano co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Deloitte, Edisa, Everis, Imatia, Lifesize, Intergal, Leyton, Oracle, Orange, Inycom, R., CTI Consultores, Data Monitoring e Galvintec.
GaliciaTIC abordará esta semana os principais desafíos do sector TIC
Compartir Este Artigo

