A partir de hoxe está dispoñible Windows 11 como o novo sistema operativo de Microsoft, que tanto chegará preinstalado en novos equipos como poderá recibirse como actualización de balde de Windows 10 sempre que o noso ordenador cumpra cuns requisitos mínimos, aínda que tamén ofrecen a posibilidade de realizar unha instalación manual (Windows 11 está dispoñible para a súa descarga), o que non se considera nada recomendable, xa que non contaría con soporte nin actualizacións por parte de Microsoft. En calquera caso Windows 10 continuará a recibir actualizacións durante máis de 4 anos (como mínimo).
Tamén cómpre salientar que a chegada de Windows 11 comeza hoxe, pero é un procedemento gradual, ou sexa, que algúns equipos tardarán semanas en recibir a actualización, medida coa que Microsoft pretende que o salto a Windows 11 sexa o máis seguro posible, xa que permitirá corrixir os problemas que vaian xurdindo.
Windows 11 está deseñado tendo en conta as novas tendencias de mercado, como contornos de traballo híbridos, mellor funcionamento con pantallas táctiles, unha maior aposta pola seguridade informática e, en definitiva, un Windows máis moderno e actual, que aínda está a medio cociñar, xa que algunhas das funcionalidades anunciadas (como a posibilidade de correr aplicacións para Android) tardarán meses en chegar.
A chegada de Windows 11 podería supor un pulo para a compra de novos equipos informáticos, o que podería ser un importante motivo para esta actualización un tanto inesperada, xa que dende Microsoft deran a entender que con Windows 10 remataran a estratexia de lanzar unha grande versión de Windows cada poucos anos.
O que resulta innegable é que Windows 11 será moi positivo de cara ao futuro, xa que os seus requisitos técnicos permiten soltar lastre, dicindo adeus ao soporte de moitos equipos, dispositivos e software que poderían considerarse obsoletos, e dos que Microsoft pode así desprenderse a longo prazo.
Windows 11 inicia o seu despregamento
Compartir Este Artigo
