Seguen as celebracións arredor de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003), protagonista do Día das Letras Galegas 2021 e protagonista tamén de boa parte dos acontecementos tecnolóxico-culturais do ano en curso. Nesta liña, o Consello da Cultura Galega presentou un especial podcast que achega a tradución que fixo a poeta galega dos Contos ao teléfono de Gianni Rodari, escritor italiano co que, segundo informa o CCG, Xela tivo unha “conexión ineludible”.
Esta conexión colleu pulo en 1986, cando a poeta colaborou co seu pai, Valentín Arias, na tradución da dita obra para a Editorial Juventud. Dese fío tira o Consello da Cultura Galega (CCG) no proxecto Xela e Gianni, unha serie de podcast elaborados por Charo Pita que adapta a formato sonoro os textos traducidos pola autora de Darío a diario hai vinte e cinco anos.
A cita deste 7 de outubro en Sarria
Este xoves 7 de outubro, o Consello da Cultura Galega e o Concello de Sarria ofrecen un contacontos (en dous pases) desta obra para douscentos alumnos de primaria desta localidade. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a secretaria, Dolores Vilavedra, asistirán xunto co alcalde, Claudio Garrido, a unha actividade “pensada para a xente nova”. A cita consiste nun contacontos na Casa da Xuventude para douscentos alumnos de primaria de catro centros desta localidade. Charo Pita é a encargada de realizar dous pases dun contacontos que bebe do proxecto web Xela e Gianni, que, como dixemos, pon na Rede unha serie de podcast da publicación Contos ao teléfono.
Especial web
Son doce contos que escolman os contos do libro Contos ao teléfono que o contable Bianchi de Varese inventaba cada noite para contarlle por teléfono á súa filla cando estaba fóra da casa por traballo. Historias curtas que foron traducidas por Xela Arias e o seu pai, Valentín Arias, a finais dos oitenta e que agora Charo Pita adaptou, por encarga do CCG, para formato sonoro.
O especial web conta cunha ilustración realizada por Bea Gregores (Vigo, 1995) e chega acompañado dun texto contextualizador a cargo da profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Montse Pena Presas (Sada, 1981).
O Consello da Cultura envorca en formato podcast a tradución de Xela Arias de Contos ao teléfono de Rodari
Compartir Este Artigo

