O Centro de Investigación TIC (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña veñen de incorporar a dous investigadores no marco das axudas para a atracción e retención de talento investigador no Sistema Universitario de Galicia, convocadas pola Xunta de Galicia. Os investigadores que se incorporaron aos centros de investigación da UDC son Diego Álvarez Estévez e Roberto Javier Brea Fernández.
O investigador Diego Álvarez Estévez integrouse recentemente na área de Intelixencia Artificial do CITIC, para desenvolver modelos de aprendizaxe automática robustos e flexibles no contexto de múltiples fontes de datos independentes. Procedente do Haaglanden Medisch Centrum (HMC) de Países Baixos, onde desempeñou o cargo de enxeñeiro xefe no departamento de sono e neurofisioloxía clínica, continuará agora a desenvolver a súa liña investigadora no CITIC no eido da Intelixencia Artificial aplicada. No HMC tivo a oportunidade de aplicar o coñecemento acadado durante o desenvolvemento da súa tese doutoral nun contorno real, conseguindo facer máis eficiente a diagnose das diferentes desordes do sono, facilitando ao equipo médico unha información interpretada, o que reduce considerablemente o tempo de valoración e aumenta a fiabilidade do diagnóstico.
O investigador Roberto Brea Fernández incorporouse ao CICA no mes de xullo para comezar o seu propio grupo de investigación denominado BIOMEMCHEM, polo termo inglés Biomimetic Membrane Chemistry (química de membrana biomimética). Durante a súa formación como doutor en química na Universidade de Santiago de Compostela tivo a oportunidade de profundar no estudo da Nanociencia, a área científica que marcou as súas liñas de traballo ata agora. Como investigador postdoutoral pasou a maior parte do tempo na Universidade de California de San Diego, onde recibiu a HFSP-CDF (siglas de Human Frontier Science Program – Cros-Disciplinary Fellowship), unha prestixiosa bolsa de investigación grazas á cal se especializou na construción de células sintéticas funcionais. Estas estruturas presentan importantes aplicacións no estudo da orixe da vida, a fabricación de biorreactores, o transporte de fármacos a zonas concretas do organismo e o deseño de axentes terapéuticos.
A UDC incorpora dous novos investigadores ao CITIC e ao CICA
Compartir Este Artigo

