
García tamén lle deu os parabéns ao ILG por centrar parte da celebración do seu 50 aniversario na mocidade, “semente e futuro da lingua que lle dá sentido a este instituto de investigación”. Ademais, o secretario xeral quixo facer mención aos tres lingüistas a quen se lles rendía homenaxe, “de quen fun alumno”, como lembrou. “Eles percorreron Galicia en condicións hoxe difíciles de imaxinar para recoller os datos que serían a base do impresionante Atlas Lingüístico Galego, pero tamén de propostas normativas, de dicionarios e gramáticas e de moita investigación posterior”, engadiu.
Concurso de vídeo Móvete
Como parte das actividades de conmemoración dos 50 anos do ILG, o instituto convocou a pasada primavera, en colaboración coa Xunta de Galicia e de Gadis, o concurso de vídeos Móvete para alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional. Un concurso ao que se presentaron un total de 38 vídeos e cuxos gañadores foron anunciados o día 22 nun acto conducido pola xornalista Ester Estévez, presentadora do #DígochoEu, e amenizado pola actuación musical de Pauliña.
Para cada modalidade (individual e en grupo) e tema (Móvete co galego, Conmóvete co galego e Promove o galego), o xurado elixiu un gañador. Na categoría individual, os gañadores para cada temática foron Sete cunchas de galego, de Lucía Argüelles Valverde; Terra sachada que se levou o vento, de Miguel Casal Fernández, e Herdanza, de Xoel Otero Nogueira. Pola súa banda, na categoría grupal os elixidos foron Nós, movémonos co galego… E ti?, do Colexio Manuel Peleteiro; España gaña Eurovisión cunha canción en galego, do Colexio Monterrey de Vigo, e Falar, do Colexio Bilingüe Marcote, de Mondariz-Balneario. O premio para cada vencedor, concedido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, foi un teléfono móbil para os participantes individuais e unha cámara dixital para os grupais.
Ademais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística concedeu aos restantes finalistas un reloxo intelixente e un lote de libros para os colexios que participaron de forman grupal. O vídeo con máis interaccións en Twitter, Instagram e Youtube, Aprendendo con Vicente Risco, de Xavier González Freire, recibiu como agasallo unha tableta.
Clausura e homenaxe
A xornada rematou cunha cerimonia de clausura e homenaxe académica a tres investigadores fundacionais do ILG que foron, e seguen a ser, un piar fundamental para a lingua galega desde as institucións que presiden ou das que forman parte: Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González, actual coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

