
Segundo informou A Mesa pola Normalización Lingüística, a moción tamén considera remitirse á dirección de RTVE, para que emita todos os seus contidos en versión dobrada ao galego, nomeadamente na canle infantil e xuvenil, “cumprindo así o seu propio mandato marco”.
A Mesa lembra que Santiago de Compostela será o primeiro Concello en debater e aprobar por unanimidade esta moción. O presidente da Mesa, Marcos Maceira, advirte que “é da máxima relevancia para o futuro da lingua galega” que a nova Lei do Audiovisual inclúa a demanda unánime do Parlamento Galego e as alegacións presentadas pola entidade de defensa da lingua, baseadas neste acordo parlamentar. “Cómpre actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa lingua é máis evidente”, recorda, “e que, ao tempo, é un dos máis empregados polo público en xeral e pola mocidade e pola infancia e particular”. “Estes dous elementos converxen nun sector como audiovisual galego de calidade demostrada e gran capacidade para contribuír ao desenvolvemento cultural e económico do noso país”, conclúe Maceira.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que dos 25.872 títulos entre series e filmes dispoñibles nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. “Esta oportunidade de mudalo é única”, remata Maceira, “o pobo galego unido é imparable. Afrontamos esta oportunidade nas mellores condicións posibles: cun acordo unánime das forzas políticas e sociais galegas. A unidade é garantía de éxito”.
Santiago votará por unanimidade a moción Xabarín 2.0 polo galego na Lei do Audiovisual
Compartir Este Artigo

