Mateo Valero, director do Centro Nacional de Supercomputación, impartirá este 29 de novembro unha conferencia no CiTIUS da Universidade de Santiago. A cita, organizada polo CiTIUS e o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), comezará a partir das 12.30 horas. Segundo informan os dous centros, a charla permitirá “coñecer as últimas revolucións no eido da Computación de Altas Prestacións para acelerar o progreso científico”. Mateo Valero é o fundador e director do Barcelona Supercomputing Center e un dos maiores referentes no eido do cálculo de alto rendemento a nivel mundial.
Segundo informa o centro compostelán centrado en Intelixencia Artificial, ao longo da súa charla Mateo Valero resumirá a situación actual e as transformacións que se producirán no futuro próximo nos sistemas de computación de altas prestacións (HPC, polas súas siglas en inglés), incluíndo o seu forte impacto na investigación científica. Avaliaranse cuestións concretas como a computación masiva e as súas posibilidades para usar múltiples técnicas como as redes neuronais aplicadas a problemas do mundo real (dando lugar ao que chamamos Intelixencia Artificial, IA), ou tamén o potencial futuro da computación cuántica, baseada no uso dos fenómenos da mecánica cuántica para manipular a información. Todos estes avances, apunta o centro compostelán, poden axudar, ou nalgúns casos mesmo substituír, ás técnicas clásicas.
Sobre o relator
Mateo Valero é fundador e director do Barcelona Supercomputing Center. Profesor desde 1974 e catedrático en Arquitectura de Computadores na Universidade Politécnica de Cataluña desde 1983, a súa investigación céntrase na arquitectura dos computadores e supercomputadores. Publicou aproximadamente 700 artigos, ten colaborado na organización de máis de 300 congresos internacionais, e impartido máis de 700 conferencias. Entre os seus premios, o tres máis importantes a nivel mundial no seu campo: premio Eckert-Mauchly (2007), outorgado polo IEEE-ACM; premio Seymour Cray (2015), outorgado polo IEEE e premio Charles Babbage (2017), outorgado por IEEE.
Mateo Valero, director do Centro Nacional de Supercomputación, estará este venres no CiTIUS
Compartir Este Artigo

