Este 27 de outubro a sede do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC recibiu a visita dunha delegación procedente de Sudáfrica formada por representantes de entidades estratéxicas relacionadas co ámbito da saúde.
A acción está enmarcada nunha Learning Expedition (LEX) ou misión de estudo organizada polo Clúster de Saúde de Galicia (CSG). O principal obxectivo desta iniciativa é “identificar socios estratéxicos e posibilidades de investimento”.
Os encargados de recibir á delegación surafricana foron Marcos Ortega Hortas e Pablo Guillemette, quen presentaron as capacidades e liñas de investigación no ámbito da saúde nas que están a traballar a día de hoxe..
Con posterioridade realizouse un percorrido polos laboratorios de investigación do CITIC e o edificio CITIC 2, no que se alberga a área de empresas do centro.
A visita rematou no Centro de Proceso de Datos (CPD) do CITIC, onde o responsable de Sistemas do centro, Alejandro Mosteiro, explicou o seu funcionamento e características.
As Learning Expedition contan con financiamento do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios do IGAPE, que ten como obxectivo incentivar a posta en marcha de plans de internacionalización que persigan a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre institucións de diversos países.

