A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia anunciou un acordo co Concello de Cangas do Morrazo (onde ten a súa sede a fundación) grazas ao cal o Museo do Videoxogo (MUVI) oferta “un horario de visitas continuo, semanal e gratuíto”. Este acceso universal “constitúe un fito único dentro do panorama cultural do videoxogo en España e por suposto en Galicia”, en palabras dos responsables do MUVI.
O acordo foi subscrito pola entidade impulsada polos irmáns Jacobo e Galo Martínez, por unha banda, e a Concellería de Cultura e a Alcaldía de Cangas, pola outra. Grazas a esta novidade, engaden os creadores do museo, “os valores e a visión do MUVI acerca dos videoxogos poderán chegar a tempo completo e de balde a toda a poboación”. Farano ademais de “xeito transversal, inclusivo, rigoroso e con amplo transfondo cultural”.
O sábado 6 de novembro ás 16:30 horas levarase a cabo un acto no MUVI de Cangas que marcará o inicio do horario regular do MUVI: tódolos sábados de 16:30 a 20:00. O acto inaugural contará coa presencia de personalidades do Consistorio, e incluirá unha mostra extensa de videoxogos interactivos, acompañada de música en directo.
Segundo lembran os irmáns Martínez, as aperturas do Museo do Videoxogo tiñan lugar “de xeito irregular”, combinándose con outras iniciativas e eventos da fundación: “A pandemia orixinada pola COVID-19 e a sempre firme intención de manter gratuíto o acceso ao museo limitaron as aperturas públicas, que tamén se viron afectadas polas cambiantes restricións sanitarias. A fundación proseguiu coa súa actividade, levando a cabo exposicións de carácter cultural e outros proxectos fóra do MUVI, atopando finalmente no apoio do Concello os recursos necesarios para poder ofrecer aos visitantes un horario de referencia dende novembro deste ano”, engaden.
A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia é a primeira fundación en España adicada en exclusiva á historia do videoxogo. Constituída o 2 de marzo de 2020, o 20 de xullo de 2020 foi recoñecida como Fundación de Interese Galego e por tanto adscrita ao Protectorado da Consellería de Turismo e Cultura da Xunta de Galicia. Administra entre outros proxectos o Museo do Videoxogo (MUVI), a primeira exposición permanente e museo de videoxogos aberto en España, inaugurado o 2 de febreiro de 2019.
Cronoloxía e fitos
— O MUVI foi primeiro museo de videoxogos inaugurado en España, o 2 de febreiro de 2019.
— En xullo de 2020 naceu a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, a primeira Fundación en España adicada á historia do videoxogo. Un encaixe xurídico que permite levar as actividades do MUVI de xeito transversal a toda Galiza.
— O 6 de outubro de 2021 o Concello de Cangas dá apoio ao MUVI para abrir todas as semanas de xeito universal e gratuíto, sen ningún tipo de limitación.
O Museo do Videoxogo de Cangas fai historia abrindo de xeito gratuíto todas as semanas
Compartir Este Artigo

