Este 28 de outubro presentouse en Vigo o libro A lingua en 2050, coordinado polo profesor e sociolingüista Fernando Ramallo, que recolle nesta obra as diferentes reflexións e visións de dúas ducias de profesionais ligados ao galego, poñendo o foco en como cren que será a situación da nosa fala ao cabo dentro de tres décadas. Na presentación participou, entre outros, o secretario xeral de Política Lingüística, que forma parte do dito equipo de colaboradores, ofrecendo a súa propia visión sobre o futuro do galego. Segundo fixo saber, entre os grandes desafíos da lingua atópase sen dúbida o desafío dixital.
“A nosa lingua”, sinalou o secretario xeral, “está nun momento de estabilidade e proxección cara ao futuro que obriga a un impulso continuado e ao fomento do seu uso en contornos urbanos, familias, mocidade e tecnoloxías”.
Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén interviñeron no acto, que acolleu o salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo, Fernando Ramallo, coordinador do libro e 10 dos autores deste, pertencentes a diferentes sectores e ámbitos ideolóxicos.
Partindo da premisa Como imaxinas a lingua en 2050?, Fran Alonso, Xesús Alonso Montero, Celso Alvarez Cáccamo, Xosé Luís Axeitos, Darío Xohán Cabana, Conchi Cochón Rodríguez, Xosé-Henrique Costas González, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Valentín García Gómez, María Pilar García Negro, Xenaro García Suárez, Luís López Alonso, Rosa López Fernández, Anxo M. Lorenzo, Marcos Maceira Eiras, X. L. Méndez Ferrín, Henrique Monteagudo, Teresa Moure, Manuel Núñez Singala, Fernando Ramallo, Xosé Luís Regueira, Gabriel Rei-Doval, Francisco Rodríguez Sánchez, Rexina Rodríguez Vega e Iolanda Teixeiro Rei verteron as súas opinións e visións desde diferentes perspectivas, algunhas máis positivas e outras mesmo contraditorias, sobre o futuro que lle agarda á nosa lingua.
Esta é unha iniciativa do sociolingüista Fernando Ramallo que atopa o seu precedente, como indica Valentín García, en Encuesta mundial sobre la lengua y la cultura gallegas (1974), un traballo coordinado polo agora colaborador Xesús Alonso Montero. Aquel libro buscaba, como fai agora o de Ramallo, dilucidar o futuro da lingua nun contexto social e político extremo como era a fin dunha ditadura. “Ningunha das persoas enquisadas foi capaz de prever que tan só sete anos máis tarde a lingua galega ía adquirir rango de cooficialidade grazas ao Estatuto de Autonomía e ía entrar con paso firme nos centro educativos”, destaca Valentín García ao respecto. “A primeira lección, polo tanto, que cómpre aprender é que non resulta doado prever o futuro”, engade na súa reflexión.
O reto actual é, segundo o representante de Política Lingüística, a adaptación da lingua ás novas tecnoloxías, pois “a actual diferenza entre linguas maioritarias ou minoritarias, oficiais e non oficiais está a ser substituída por linguas con tecnoloxía e, por outro lado, linguas sen tecnoloxía”. A non correcta adaptación a esta nova realidade, dixo, “levaría a calquera lingua a un contexto moi complicado”. Neste senso, lembrou que iniciativas como o Proxecto Nós, posto a andar xusto esta semana cun orzamento inicial de 15,5 millóns de euros, “buscan que a cidadanía poida interactuar en galego con todo tipo de mecanismos e contornos de voz que xa forman parte do noso día a día”.
Un libro necesario
A lingua en 2050 é como dixemos un libro coordinado polo director da Área de Normalización Lingüística e docente e investigador da UVigo, Fernando Ramallo, e publicado por Catro Ventos Editora. Segundo explicou o propio Ramallo, “entendo que o debate sobre as condicións nas que se atopa a lingua galega continúa a precisar materiais ensaísticos e divulgativos que cheguen ao conxunto da poboación preocupada polo presente e polo futuro do idioma”, argumentou o investigador, que aínda que non considera que o libro veña a ocupar un espazo baleiro, “si que botaba en falta propostas nesta dirección”. Respecto do resultado final do traballo colectivo de reflexión que está detrás deste traballo, Ramallo sinala que “en xeral hai certo acordo en que cómpre un cambio das condicións (políticas, legais, económicas, ideolóxicas, educativas…) para transformar a lingua galega nunha lingua desminorada, expandida no conxunto da poboación. Quero dicir, que se esas condicións estruturais e superestruturais non mudan, a prospección é, maiormente, negativa”.
Esta diversidade de opinións sobre o futuro do idioma tamén se puxo de manifesto na presentación deste volume, no que os textos se conformaron, segundo o seu coordinador, “a partir da interpretación da situación social, política e legal da lingua en 2021, independentemente de que o estilo sexa unha ficción estética, unha prospección maiormente utópica ou un texto con fins máis académicos”.
Valentín García avoga por traballar arreo para que o galego sexa unha lingua con tecnoloxía
Compartir Este Artigo

