O observatorio OSIMGA, dependente da axencia autonómica AMTEGA, publicou un novo estudo sobre o nivel de implantación dos programas de software libre nas empresas TIC da nosa terra, relativo ao ano 2020. Segundo se fai saber, este tipo de ferramentas manteñen “a súa tendencia a medrar”, cunha taxa de crecemento do 3,9 % nos últimos catro anos.
Así, na actualidade xa son 9 de cada 10 as empresas que optan por estes produtos. En concreto, o 90,6% delas empregan este tipo de software nos seus equipos informáticos. Segundo o ámbito xeográfico, o uso de solucións con licenza libre acada o seu valor máximo entre as empresas TIC situadas na provincia de Lugo (95%)
Na investigación engádese que as aplicacións libres con maior implantación nas empresas TIC galegas seguen a ser: o navegador de Internet, as aplicacións ofimáticas e o xestor de correo. O uso de software libre supera ao privativo no caso das aplicacións para a xestión de contidos web” no das aplicacións para a formación.
As empresas TIC galegas como provedoras de solucións libres
Os programas con licenza libre que máis distribúen as empresas TIC galegas que ofertaron produtos ou servizos de software son: Servidor web (33,1%), Xestión de contidos de portais e páxinas web (33%), Software de escritorio (31,7%) e Servidor de correo (30,7%).
No informe sinálase que a oferta de software libre supera ao privativo nos seguintes casos: Xestión de contidos de portais e páxinas web, E-commerce, Aplicacións de Traballo colaborativo, E-learning, Sistemas de desenvolvemento e Sistemas de información xeográfica. Así mesmo, un 46,8% das empresas tecnolóxicas que vende produtos no eido do Big Data, oferta solucións libres desta tecnoloxía disruptiva (análise de información a gran escala).
Respecto ao crecemento da oferta de cada un dos diferentes produtos relacionados co software libre, na investigación saliéntase especialmente o incremento na oferta en Planificación de Recursos Empresariais, E-learning, E-Commerce e Xestión da relación cos clientes.
Os porqués de non usar estas ferramentas
A investigación do observatorio autonómico fai saber que “as principais razóns polas que as empresas TIC galegas non empregan software Libre” son a percepción da “incompatibilidade cos sistemas ou interlocutores actuais” e a “complexidade ou risco de cambio”, aínda que esta última percepción decreceu respecto a edicións anteriores do estudo.
Por outra banda, case a metade das empresas TIC galegas que non son provedoras de software libre, o 49,1%, manifesta que “non o fai por que non está na liña de negocio da empresa”, se ben, cabe salientar que esta barreira descende un 10,4% respecto ao ano anterior.
Respecto ás fortalezas, os principais aspectos do software libre que valoran os clientes son o custo (79,6%), a independencia do provedor (52,5%) e a calidade e prestacións técnicas (35,4%).
O uso de software libre nas empresas TIC galegas prosegue a súa tendencia á alza
Compartir Este Artigo

