A Fundación Orange seleccionou as novas entidades que formarán parte do seu Programa EDYTA de apoio a entidades para formar a mulleres en situación de vulnerabilidade. Entre as novas aulas seleccionadas (un total de seis) atópanse CIMO Entidade Prestadora de Servizos (Ourense) e a Fundación Secretariado Xitano (Lugo).
As entidades sen ánimo de lucro e/ou administracións públicas beneficiadas recibirán unha dotación económica de 20.000 euros (IVE incluído) para a compra de todo o material preciso para a creación e posta en marcha da aula EDYTA, así como a contratación de persoal formador.
En caso de dispor de persoal formador interno, a totalidade da dotación (20.000 euros) poderá ser utilizada para o equipamento da aula. En caso de non dispor de persoal formador interno, parte da dotación (5.000 euros) poderase adicar á contratación de persoas formadoras e o restante (15.000) para o equipamento da aula.
Asemade, haberá formación para formadores/as sobre a metodoloxía EDYTA, co obxectivo de achegarlles recursos para a execución de dous cursos de 120h coas alumnas. A formación será de 12 horas e terá un formato práctico e aplicado.
O Programa EDYTA é un proxecto pedagóxico de ámbito nacional ao redor da educación e transformación dixital, destinado tanto a mulleres como a asociacións do terceiro sector que traballan con colectivos femininos en situación de vulnerabilidade, risco de exclusión e baixa empregabilidade. Máis de 190 mulleres pasaron pola formación EDYTA desde o ano 2017 nalgunha das 15 aulas coas que conta este Programa en España.
A Fundación Orange achegará inclusión dixital á Fundación Secretariado Xitano de Lugo
Compartir Este Artigo

