O Goberno autonómico vai activar unha nova campaña para fomentar o uso da lingua galega nas familias, unha iniciativa que tamén terá a súa vertente nas novas ferramentas e que porá o foco nas contornas urbanas e periurbanas, que é onde máis é preciso actuar para garantir a transmisión do galego entre xeracións. Así o deu a coñecer este 4 de novembro o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante a inauguración dos XXIII Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Xunta de Galicia (e que puideron seguirse en directo, onte, no Portal da Lingua Galega). Tamén presentou a a fotobiografía de Xela Arias e os Premios Internacionais de Podcast Xosé Mosquera, o vello dos contos no IES Rosalía de Castro.
García sinalou que a transmisión interxeracional “é o reto máis importante en materia de lingua que debemos afrontar hoxe”. Neste senso, incidiu en que “todas as reflexións, esforzos e accións que se fagan nesta liña son importantes e que tanto o Goberno como a cidadanía deben remar no mesmo sentido para conseguir resultados satisfactorios”. Canda o secretario xeral participaron na inauguración desta xornada, que acolleu o Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Xusto A. Rodríguez, director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Respecto da campaña para fomentar o uso da lingua nas familias, García anunciou que se vai comezar a traballar nela de cara ao vindeiro 2022, uníndose ao xa vixente Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 e ao programa de dinamización da lingua galega FalaRedes, que xa vai pola súa décima edición, e que centra a meirande parte da súa programación anual nos máis pequenos e pequenas da casa.
Por outra banda, o secretario xeral de Política Lingüística tamén visitou o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela cun dobre motivo. O primeiro deles foi a presentación do proxecto documental e multimedia Xela Arias sen fronteiras. Fotobiografía sonora, unha iniciativa realizada por Arraianos Producións ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 que ofrece un percorrido creativo pola vida e obra da escritora homenaxeada polo Día das Letras Galegas este 2021.
O segundo foi a presentación da cuarta edición dos Premios Internacionais de Podcast Xosé Mosquera, o vello dos Contos, convocados polo IES Rosalía de Castro e Arraianos Producións en colaboración con Ponte nas Ondas e a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística). O obxectivo deste certame, dirixido ao alumnado de 10 a 18 anos, é promover a lingua e a cultura galega e portuguesa entre a mocidade mediante a elaboración de gravacións sonoras online e orixinais relacionadas co escritor Florencio Delgado Gurriarán, quen tomará a remuda de Xela Arias como figura das Letras Galegas 2022. As bases e funcionamento do certame poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.
A dinamización tecnolóxica do galego tamén porá o foco no ámbito familiar
Compartir Este Artigo

