Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, estarán este 9 de novembro na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago co obxectivo de defender a loita polo galego na Lei do Audiovisual que tramita o Goberno central. A actividade encádrase no programa de mesas redondas nos campus e nas escolas de comunicación para trasladar ao alumnado e á sociedade a necesidade de incrementar a presenza da nosa lingua nas novas plataformas e ferramentas e equiparala en dereitos ás restantes do ámbito estatal.
A cita deste 9 de novembro será ás 11h no salón de actos da Facultade de Comunicación da USC. A mesa redonda, na que tamén participarán a actriz Lidia Veiga, o director Ignacio Vilar e o actor de dobraxe Andrés Bellas, é de acceso libre e gratuíto ata completar o espazo.
Maceira advirte que “é da máxima relevancia para o futuro da lingua galega e do propio sector audiovisual do país” que a nova Lei do Audiovisual inclúa a demanda unánime do Parlamento Galego e as alegacións presentadas pola entidade de defensa da lingua, baseadas neste acordo parlamentar. “Cómpre actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa lingua é máis evidente”, recorda, “e que, ao tempo, é un dos máis empregados polo público en xeral e pola mocidade e pola infancia e particular”. “Estes dous elementos converxen nun sector como audiovisual galego de calidade demostrada e gran capacidade para contribuír ao desenvolvemento cultural e económico do noso país”, conclúe Maceira.
O presidente da Mesa recorda que dos 25.872 títulos entre series e filmes dispoñibles nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. “Esta oportunidade de mudalo é única”, remata Maceira, “o pobo galego unido é imparable. Afrontamos esta oportunidade nas mellores condicións posibles: cun acordo unánime das forzas políticas e sociais galegas. A unidade é garantía de éxito.”
Marcos Maceira e Valentín García defenderán na USC a loita polo galego na Lei do Audiovisual
Compartir Este Artigo

