A operadora R vén de facer balance das capacidades actuais da súa rede para as empresas e fogares que estean na súa zona de cobertura, cada vez máis extensa nos nosos concellos. Segundo fai saber, a calidade do seu servizo baséase en achegar “a fibra máis rápida de España”, unha infraestrutura tecnolóxica que abrangue xa o 70% da súa rede e que “está dispoñible para as novas altas que están a contratar produtos a día de hoxe”, sinala a compañía, engadindo que esta fibra xa cobre preto de 900.000 inmóbeis galegos e que a previsión é chegar a preto dun millón a peche de ano. Estes e outros datos en positivo figuran nun estudo recente da empresa francesa nPerf, que salienta a dita fibra de R “como a máis moderna, rápida e avanzada do mercado das telecomunicacións en España na actualidade”.
Como dixemos, a finais de ano prevese que preto de 1 millón de fogares e empresas xa dispoñan desta tecnoloxía que “permite alcanzar velocidades de ata 10 Gbps e será o vindeiro ano cando todos os clientes de R poidan desfrutar dos avances desta modernísima rede”, explican fontes da empresa, engadindo que existe un compromiso da compañía para “continuar coa modernización da rede, o que se traducirá nunha infraestrutura preparada na súa totalidade “para competir ao máximo nivel e para ofrecer a particulares e negocios os mellores servizos de telecomunicacións con fibra óptica do territorio, incluíndo tamén os novos servizos 5G”.
A nova fibra óptica xa está dispoñible para os novos clientes de R nas 4 provincias galegas, onde algunhas delas teñen actualmente unha cobertura de fibra superior ao 90% da totalidade da rede. Ofrece velocidades de navegación de ata 10 Gbps simétricos (de suba e de baixada), Wi-Fi 6 e Wi-Fi Mesh e tele con deco Android 4k e plataformas OTT integradas “sen ningún custo adicional para o cliente”. Estas vantaxes, apunta a compañía, “vanse traducir, entre outras cousas, nunha cobertura óptima dos servizos de R nos fogares e nunha maior capacidade de navegación con varios dispositivos conectados”.
A empresa francesa nPerf sitúa a nova fibra de R como a máis rápida de España
Compartir Este Artigo

