A semana pasada presentouse en Santiago a cuarta edición dos Premios Internacionais de Podcast Xosé Mosquera, o vello dos Contos, convocados polo IES Rosalía de Castro e Arraianos Producións en colaboración con Ponte nas Ondas e a Xunta de Galicia (a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística).
O obxectivo deste certame, dirixido ao alumnado de 10 a 18 anos, é promover a lingua e a cultura galega e portuguesa entre a mocidade mediante a elaboración de gravacións sonoras online e orixinais relacionadas co escritor Florencio Delgado Gurriarán, quen tomará a remuda de Xela Arias como figura das Letras Galegas 2022.
As bases e funcionamento do certame poden consultarse xa no Portal da Lingua Galega.
Características do certame
Poderá concorrer a estes premios o alumnado de 10 a 18 anos dos centros de ensino de Educación Primaria (de 5º e 6º curso) e de Secundaria de Galicia, e doutros centros de ensino non universitario de Galicia e daqueles que imparten ensinanzas de réxime xeral cursadas fóra da Comunidade Autónoma. Así mesmo, poderá participar o alumnado da mesma idade das escolas do Norte de Portugal.
Presentaranse podcasts orixinais e inéditos relacionados coa vida e obra e Florencio Delgado Gurriarán, o autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas este ano ou con outros aspectos do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e do Norte de Portugal, cunha duración máxima de tres minutos.
Establécense os seguintes premios:
– Premio ao mellor traballo do alumnado de 5º e 6º cursos de primaria de Galicia e dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral fóra da Comunidade Autónoma.
– Premio ao mellor traballo dos centros de educación secundaria de Galicia, doutros centros de ensino non universitario e dos que imparten ensinanzas de réxime xeral fóra da Comunidade Autónoma.
Chega a cuarta edición do certame internacional de podcast Xosé Mosquera
Compartir Este Artigo

