A web de Talentia Summit, a feira de talento, emprego e emprendemento innovador do Concello de Santiago, vén de activar o prazo para a inscrición das ofertas de emprego, videochamadas con empresas, cursos de formación, certificacións oficiais e webinars, entre moitas outras actividades. Segundo fixeron saber este venres 12 o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o técnico de emprego, Xavier Ferreiro, xa foron rexistradas máis de 2.000 inscricións en actividades e 10.000 usuarios nas primeiras horas dende a dita apertura. Amais, presentaron a programación completa do evento, que se celebra do 15 ao 26 de novembro no edificio Fontán da Cidade da Cultura.
Segundo fixeron saber, a procedencia das solicitudes “é maioritariamente de Galicia”, como indicou o técnico de Emprego, que explicou que 2.113 son de Santiago, 1.448 da Coruña e 1.297 de Vigo, pero tamén de Madrid, con 2041, ou de Barcelona, con 308.
A través da páxina web, a Feira Talentia ofrece a posibilidade para todo o público de inscribirse nas 15.000 prazas das seguintes actividades:
– Visitar os stands virtuais de empresas con ofertas de emprego activas e reserva de citas por videochamadas a modo de entrevista.
– Aplicar as moitas ofertas de traballo abertas.
– 100 cursos online: actividades formativas para realizar de forma 100% virtual.
– 25 certificacións oficiais: Títulos de idiomas, competencias dixitais, Scrum Master deseño gráfico e curso avanzado de pilotaxe de drons.
– 38 cursos de formación en directo en aula virtual con titor, en categorías como 3D e Realidade Virtual, mercadotecnia, novas tecnoloxías, orientación e emprego.
– Webinars: exposicións e charlas de empresas participantes na presente edición.
– Unidade de desenvolvemento profesional: atención, asesoría e seguimento de profesionais especialistas en diversas áreas.
Foro Talentia 2021
Ao abeiro do Talentia Summit celebrarase o 18 de novembro pola mañá o Foro Talentia 2021, 09.00h a 13.30 horas no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Será unha xornada con formato presencial, onde a seguridade estará reforzada implementando todas as medidas de hixiene necesarias para garantir a súa correcta celebración.
O Foro Talentia 2021 contará coa presenza de Pilar Alegría, ministra de Educación e Formación Profesional do Goberno de España; de Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; e de Xosé Sánchez Bugallo, alcalde do Concello de Santiago de Compostela. Esta edición, a proposta de referentes de talento ofrece diversidade de temáticas e contidos, así como figuras de diferentes áreas profesionais, entre as que se atopan Elena Gil, directora global de Produto de Telefónica IoT & Big Data, David Meca: 28 veces campión do Mundo de Natación, Nancy Villanueva, directora executiva de Iberia & Middle East de Interbrand, Carlos Ezquerro, director executivo de Netex Learning, Clara Jiménez Piñar, directora de Innovación de Accenture, Pau Gacía Milá, emprendedor de éxito, e Emilio Froján, directora executiva e fundadora de Velca. Tampouco faltarán as artes escénicas e o talento artístico para dar unha nota musical da man do pianista Javier López Jorge, María Victoria Jericó como vocalista e Millán Abeledo Malheiro ao violonchelo.
Na presentación deste venres fíxose saber que xa se poden reservar as entradas presenciais para o Foro Talentia 2021, que tamén se poderá seguir por streaming a través da páxina web www.talentiasummit.com. “En menos de 24 horas”, explicaron, “xa está cuberta máis da metade da capacidade do auditorio do Edificio Fontán para poder acudir presencialmente ao evento”.

