A Xunta, a través do programa de axudas Conecta Hubs impulsado pola axencia GAIN, destinará 6,4 millóns de euros a promover 11 proxectos de I+D+i en proceso ou organización e de innovación en produto. Trátase dunha iniciativa co-financiada por fondos europeos FEDER e orientada a promover accións colaborativas de grupos de empresas nas áreas dos hubs de innovación dixital apoiados polo Goberno galego: Dihgigal e DATAlife. Nas iniciativas están mergulladas empresas referenciais galegas do ámbito tecnolóxico-dixital, como por exemplo Ednon, Situm, Inovalabs Digital, Xoia Software, Quobis Networks, Torus Software, Redegal, Mestrelab e Itelsis.
En concreto, estas axudas, dirixidas especialmente a pemes, permitirán o desenvolvemento de oito novos proxectos de I+D+i, que contarán cunha axuda de 5,6 millóns de euros, e tres proxectos de innovación en produto, financiados con 800.000 euros. O desenvolvemento destas 11 iniciativas mobilizará 9,8M€ ao sumar a estes apoios autonómicos 3,4 millóns de financiamento privado.
Nestas propostas están implicadas 45 empresas, das cales 39 son pemes e seis grandes compañías. A metade das firmas que liderarán e executarán os proxectos (22 das 45) pertencen ao sector das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
En total, 33 empresas están englobadas na área de especialización de Dihgigal, que aglutina as cadeas de valor das TIC, alimentación, automoción e o naval. No marco deste hub de innovación dixital desenvolveranse oito dos 11 proxectos. As outras tres iniciativas e 12 empresas participantes están vinculadas a DATAlilfe, ao que pertencen as cadeas de valor da saúde, biotecnoloxía, forestal e agro-mar alimentación.
Segundo a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, o desenvolvemento destes proxectos “contribuirá a fortalecer a base económica galega e a impulsar un tecido produtivo máis dixitalizado, innovador e sustentable, mellorando a competitividade das pemes e consolidando aos hubs de innovación dixital de Galicia como importantes pancas de progreso”. E engade: “O gran interese que espertou esta convocatoria e o alto nivel dos proxectos presentados fainos pensar que o proceso de transformación das firmas galegas cara a un modelo máis próspero está xa en marcha”. Argerey tamén salienta que o desenvolvemento destes proxectos fomentará a xeración de emprego de alta cualificación, amais do seu mantemento no tempo, xa que na súa execución participarán 220 profesionais das TIC e expertos en innovación e dixitalización.
Os oito novos proxectos de I+D+i seleccionados para ser impulsados pola Xunta de Galicia a través dunha axuda total de 5,6M€ son:
– SARATROF (Sistema Analítico do Rendemento Agregado de Traballadores Robots en Operacións de Fabricación): unha ferramenta analítica para caracterizar o rendemento das factorías considerando de forma agregada o comportamento dos robots, as máquinas e os propios traballadores, co obxectivo de incrementar a competitividade da produción.
– SLP4P: unha plataforma intelixente orientada a dixitalizar a maquinaria industrial a través de distintas tecnoloxías, especialmente da implicación da Intelixencia Artificial, o que incrementa o seu ciclo de vida útil e favorece a sustentabilidade.
– REPLAY: un proxecto ideado para xerar a primeira solución integral de reciclaxe de poliamidas procedentes de diversos sectores industriais, dándolles un novo uso de valor engadido. A primeira experiencia realizarase no entorno da industria aeronáutica, contando co apoio estratéxico da iniciativa de Airbus.
– COMPORT: unha plataforma software industrial baseada no paradigma da Internet das Cousas para a industria, na que o uso de ferramentas e tecnoloxías de Intelixencia Artificial e Machine Learning permita a optimización de procesos industriais coas comunicacións en tempo real como vehículo para unha toma de decisións efectiva.
– Plataforma APTC: enfocada á modernización e dixitalización dos procesos de analítica de produto e consumidores no punto de venda final e dirixida particularmente á industria alimentaria, o obxectivo é obter información acerca do comportamento de compra.
– EDAR 360: orientado a investigar sobre a aplicación da Intelixencia artificial na optimización dos procesos de depuración de augas residuais de cara a mellorar a competitividade e reducir o impacto medioambiental.
– MILKCHAIN: un sistema de rastrexabilidade certificada en industria e vinculada á cadea de valor de Leche Río que permita, non só garantir a orixe da leite en canto aos diferentes parámetros de calidade, senón tamén a rastrexabilidade continuada do produto incluíndo o proceso de fábrica.
– SERSBIOTech: un sistema de internet das cousas de detección automática de patóxenos na auga mediante intelixencia artificial, biotecnoloxía e integración tecnolóxica nano SERS para a prevención e control de brotes infecciosos en explotacións acuícolas.
– SMARTGECKO: un sistema baseado no entorno ecommerce encamiñado á optimización do proceso de picking ou preparación de pedidos que acontece nos procesos loxísticos relacionados co procesamento de ordes nos almacéns.
– BIKENTA–MPLUS: unha ferramenta dixital para a promoción, simplificación e mellora da xestión sustentable dos montes de maior superficie de Galicia.
– LIBATIO: un proxecto co obxectivo de achegar a transformación dixital ao sector vitivinícola mediante a monitoraxe en tempo real da etapa de maduración do viño a través dun sistema de sensórica formado por un tapón intelixente; control das barricas de madeira cunha tapa intelixente; control dos depósitos de aceiro e un dispositivo de sensórica ambiental, entre outros recursos.
GAIN destina 6,4 millóns a 11 proxectos colaborativos avanzados das nosas pemes
Compartir Este Artigo

