
Estas optimizacións materializaranse a partir do mes de febreiro, catro anos despois da posta en marcha do servizo de ePadrón, que, xunto coa plataforma de Administración Electrónica brindada tamén pola Deputación, acelerou a evolución dixital dos pequenos e medianos concellos da provincia. O procedemento de licitación xa está en marcha, sinalou a Deputación.
O novo padrón electrónico foi presentado este mes de novembro perante os concellos adheridos polo deputado Carlos Font, e a deputada, Ana Mejías, nunha xuntanza celebrada en formato telemático e na que participaron tódolos municipios cos seus técnicos/as responsables, ademais de 14 alcaldes/as e tenentes de alcalde/sa que mostraron o seu interese para a adhesión: A Illa de Arousa, Catoira, Fornelos, Marín, Meis, Pazos de Borbén, Redondela, Ribadumia, Salceda, Salvaterra, Soutomaior, Cuntis, Mos e O Rosal. Entre eles tamén estaba o Concello de Barro, que se atopa formalizando os trámites para adherirse.
Carlos Font expresou a súa satisfacción polos logros acadados nos catro anos transcorridos dende a posta en marcha deste novo xeito de tramitar o padrón de habitantes, prescindindo dos expedientes en papel e apostando decididamente polo formato electrónico. “Neste tempo”, dixo, “emitíronse un total de 261.559 certificados en sede electrónica, mentres que outros 273.104 foron emitidos en formato presencial utilizando a tecnoloxía brindada pola Deputación”. Ou sexa, engadiu, “que case o mesmo número de persoas obtiveron o seu certificado (documento habitual para numerosos trámites administrativos) sen necesidade de desprazarse”.
Amais, explicou que o sistema tramitou nestes catro anos 42.367 altas e 36.596 baixas nos padróns dos concellos, e que outras 39.150 persoas comunicaron modificacións dos seus datos persoais, cifras ás que se engaden 22.987 cambios de domicilio e 23.597 rectificacións de domicilio. Finalmente, deuse curso a 4.339 renovacións de estranxeiros/as.
Volvendo ao proxecto, sinalar que unha vez adxudicado o novo contrato á empresa tecnolóxica que resulte gañadora do procedemento, a Deputación soportará o 75% do custo, polo que os concellos que asinen o convenio deberán achegar o 25% restante.
Ata o de agora o padrón electrónico proporcionado pola Deputación está implantado nos concellos da Cañiza, A Estrada, Agolada, A Guarda, A Lama, As Neves, Arbo, Baiona, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Covelo, Crecente, Cuntis, Forcarei, Gondomar, Lalín, Mondariz, Mondariz-Balneario, Meaño, Moaña, Moraña, Oia, O Grove, O Rosal, Ponte Caldelas, Ponteareas, Portas, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Vila de Cruces, Valga e Vilaboa.
A Deputación de Pontevedra optimizará as prestacións do ePadrón posto a disposición dos concellos
Compartir Este Artigo

