O estudo Compras online en España. Edición 2021, elaborado novamente polo Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI), vén de achegarnos un diagnóstico actual sobre a realidade presente do comercio electrónico no ámbito estatal, avaliando como cambiaron os nosos comportamentos dende a chegada da crise pandémica e, tamén, como está a incidir nas nosas vidas o crecemento de campañas como o Black Friday. Esta multi-promoción comercial é xa preferida polo 81% dos compradores en liña entre a oferta dispoñible de períodos de descontos, segundo se fai saber no estudo, onde tamén tamén se reflicte (a un nivel máis xenérico) que o volume de negocio do ecommerce superou os 58.000 millóns de euros en 2020, un 16,6% máis que en 2019.
O informe sinala que o número de internautas que realizou algunha compra de bens ou servizos en 2020 segue subindo en España. Así, case 2,3 millóns de persoas sumáronse á compra online, resultando así un total de 26,2 millóns de compradores, un 7,7% máis que o ano anterior. O volume de negocio do comercio electrónico B2C supera os 58.000 millóns de euros, ao redor de 8.000 millóns de euros máis que en 2019, o que supón un crecemento do 16,6% respecto ao ano anterior.
A investigación reflicte que a poboación que máis merca pola vía electrónica sitúase na franxa de idade dos 25 e 34 anos (88% de consumidores dentro deste grupo), seguida da de 35 a 44 (84,4%) e de 45 a 54 (81,3%). O estudo observa “profundas diferenzas por nivel de estudos e ingresos mensuais por fogar”. Así, compran máis con estudos superiores (85,6%) e con ingresos de máis 1.600 euros (máis do 83%) fronte aos que teñen estudos secundarios de primeira etapa ou nivel inferior (menos do 60%) e que viven en fogares con ingresos inferiores a 900 euros (65,6%). En canto ao xénero, apenas existen diferenzas notorias entre mulleres (79,5%) e homes (79,2%).
En referencia ao nivel de consumo, sinálase cada internauta realizou de media unhas 36 compras en 2020, un 22% máis respecto ao ano anterior, e gastou sobre 2.247 euros anuais, un 8,2% máis que en 2019.
Por outra banda, os chamados marketplaces mantéñense como “sitios habituais de compra electrónica, co 75,6% de uso”. Os principais motivos polos que os consumidores elixen estes centros para realizar as súas compras son: “A variedade de produtos e marcas (44,3%), os mellores prezos (44%) ou a existencia de opinións e información útil (38,3%)”. O informe salienta tamén que, un ano máis, aumenta a taxa das tendas online de marcas e empresas, que pasan do 52,3% de 2019 ao 65,2% de 2020.
Entre os dispositivos tecnolóxicos, o computador segue sendo o medio máis utilizado para realizar as compras online, usado polo 72,7% de consumidores dixitais, “aínda que o smartphone sitúase moi preto cun 66% e un crecemento no seu uso moito máis acelerado”.
O 81% dos compradores en liña prefire o Black Friday como período de ofertas
Compartir Este Artigo

