Con motivo da celebración dao Black Friday (todos estes días, non só o venres en cuestión ao que alude a multi-campaña), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de compartir un comunicado no que nos achega unha serie de consellos útiles para non deixarnos cegar pola marea de reclamos, un fluxo continuo de información comercial no que tamén discorren ameazas á seguridade para as que cómpre que esteamos preparados.
Segundo confirma o CPEIG no dito comunicado, a celebración do Black Friday (Venres Negro) que se celebra este venres 26 de novembro e o seu complemento cibernético (o Ciberluns do 29 de novembro, coñecido internacionalmente como Cyber Monday e dedicado ás compras por Internet), constitúen a escusa perfecta para que os ciberestafadores incrementen as súas actividades.
Aproveitando o auxe do comercio electrónico
O colexio explica que o comercio electrónico é un sistema de compravenda de produtos e servizos que está cada vez máis de moda e suma adeptos día tras día. Segundo o informe Sociedad Digital en España 2020-2021: El año en que todo cambió da Fundación Telefónica, Galicia rexistrou un forte incremento do uso das redes sociais, as videochamadas e o comercio electrónico. En concreto, máis da metade dos galegos (58,7%) compra xa por Internet, o que supón un incremento do 7,9% respecto a 2019.
“Nestes días de gran volume de compras online”, explica o CPEIG, “unha das principais ciberameazas é o phishing, un tipo de estafa coa que os ciberdelincuentes rouban o nome de usuario e o contrasinal”. O colexio sinala que “para levar a cabo esta ciberdelito, os atacantes envían un correo electrónico -que simula provir dunha marca ou tenda coñecida- no que se inclúe unha ligazón a un portal falso e solicitan os datos do usuario”. Para protexernos contra un ataque de phishing, no canto de facermos clic na ligazón do correo electrónico, o CPEIG explica que “debemos ir directamente ao sitio web da marca real e iniciar sesión aí”. E engade: “O phishing é o punto de partida do 90% de ciberataques que se producen actualmente”.
Segundo datos recentes da Delegación do Goberno en Galicia, existe constancia oficial de case 13.000 vítimas de ciberestafas cometidas entre xaneiro e setembro de 2021 en Galicia, o que supón un incremento do 51 % respecto a 2020, e representando xa estas estafas informáticas un de cada seis delitos cometidos en Galicia e que son a causa principal do aumento da taxa delitiva na comunidade.
Por todo, o Colexio ofrece unha serie de consellos para previr estes ciberdelitos:
• Non abrir ningunha ligazón, descarga ou ficheiro procedente dun correo electrónico que presente calquera indicio ou patrón fóra do habitual.
• Utilizar software de seguridade, ferramentas antivirus e antimalware, devasas en liña persoais, ferramentas de borrado seguro, etc.
• Limitar a superficie de exposición ás ameazas, non só hai que aplicar medidas de seguridade que protexan o acceso á información, senón que hai que determinar os servizos que son estritamente necesarios.
• Cifrar a información sensible.
• Utilizar contrasinais adaptados á funcionalidade, sendo conscientes de que o autenticado duplo xa é unha necesidade.
• Facer un borrado seguro da información unha vez que esta xa non sexa necesaria ou se retire de uso do soporte en cuestión.
• Realizar copias de seguridade periódicas, non existe outra alternativa en caso de infección de código malicioso tipo ransomware, perda de datos, avarías do hardware de almacenamento, borrado de información involuntaria por parte do usuario, etc.
• Manter actualizadas as aplicacións e o sistema operativo é a mellor maneira de evitar dar facilidades á potencial ameaza.
• Revisar regularmente a configuración de seguridade aplicada, os permisos das aplicacións e as opcións de seguridade.
No caso das compras por Internet, o CPEIG recomenda:
“Non facer as compras conectados a unha rede Wi-Fi pública. Hai que asegurarse de que se visitan webs seguras, comprobando que na parte superior apareza o cadeado de SSLO. A privacidade é fundamental polo que é importante que xamais se revele a información persoal (nº de tarxeta, dirección…) por correo electrónico ou teléfono. Debemos usar unha tarxeta só para compras por Internet, unha boa opción é ter unha de prepago, a cal se utilice só para eses fins. Mesmo moitas entidades bancarias ofrecen tarxetas virtuais para este tipo de compras. Cómpre memorizar o noso código CCV e borralo da tarxeta, en caso de que se extravíe non poderemos realizar compras por internet. Hai que escribir a URL da web na barra de enderezos en troques de entrar a través dunha ligazón. Desta forma evitaremos a desviación a posibles webs fraudulentas. Cómpre que usemos unha conta de correo específica para compras online, desta forma evitaremos correos que teñan virus. É preciso comprobar a política de devolucións da tenda online na que se realizan as transaccións, amais de gardar os tíckets das compras realizadas. Tamén é aconsellable desconfiar das gangas e ofertas incribles”.
O CPEIG aconsella seguridade e sentido común nas nosas compras no Black Friday
Compartir Este Artigo

