Dúas alumnas da Escola Universitaria de Deseño Industrial do Campus de Ferrol van representar a España na final mundial do campionato Red Bull Basement. Trátase das estudantes Hileia Rumbo Bueno e Noa Domínguez Rama, que acudirán a dita proba (que se celebra entre o 13 e o 15 de decembro en Estambul) co proxecto VEGO, unha aplicación móbil que nace coa idea de axudar ao alumnado universitario a comer dun xeito máis saudable e sustentable.
O xurado da final nacional, integrado por xuíces locais e expertos internacionais, seleccionou o proxecto VEGO en base a catro criterios: a súa viabilidade, o seu impacto, a súa creatividade e os votos obtidos por parte do público na páxina web do Red Bull Basement. Logo de pasar este esixente filtro estatal, Hileia e Noa levan desde o 2 de novembro preparando e mellorando a súa proposta para a final mundial da man da aceleradora Lanzadera (emprazada no espazo de coworking Marina de Empresa), xunto coa fundación sen ánimo de lucro EDEM e a inversora Angels en Valencia.
Nesta fase de desenvolvemento, as dúas mozas poden interactuar tamén con expertos internacionais de diferentes ámbitos como o investimento, o financiamento, o hardware/software, a tecnoloxía ou a enxeñaría. O equipo galardoado como Gañador Mundial 2021 na Final Mundial recibirá un paquete personalizado de recursos para facer realidade a súa idea de negocio.
O campionato Red Bull Basement naceu en São Paulo (Brasil) en 2015 co obxecto de apoiar e capacitar aos hackers, makers e programadores que utilizaban as súas habilidades tecnolóxicas para resolver retos sociais e medioambientais nas súas cidades de orixe. Desde entón, a iniciativa foi medrando e nas finais mundiais que tiveron lugar en Berlín en 2018, en Toronto en 2019 e, de xeito virtual, en 2020, as ideas dos equipos participantes abrangueron múltiples temáticas.
A UDC compartiu un vídeo presentación da aplicación VEGO.
Dúas alumnas da UDC representarán a España na final mundial do campionato maker Red Bull Basement
Compartir Este Artigo

