Unha nova xornada de portas abertas, este ano pudendo recuperar a presencialidade, tivo lugar este pasado venres 26 de novembro, pola tarde, no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, AtlantTIC. Esta actividade, cuxo obxectivo é conectar á cidadanía coa tecnoloxía, forma parte do programa Divulgando Ciencia Singular do centro e reuniu nesta xornada a preto dun cento de persoas.
Da man das investigadoras e investigadores do centro, as persoas interesadas puideron descubrir as principais liñas de traballo que se desenvolven no centro: nanosatélites, impresión 3D, intelixencia artificial nas comunicacións, posibilidades que ofrece o taboleiro de cristal luminoso, comunicacións 5G, etc.
Tamén se realizaron, en grupos reducidos, visitas das instalacións principais, como a cámara anecoica do laboratorio de medidas radioeléctricas, o laboratorio de seguimento de satélites, e os proxectos que se están a desenvolver grazas a estas salas.
A organización destacou o éxito desta xornada de divulgación científica que contou cunha grande acollida no seu regreso ao formato presencial, despois de que o último ano se tivera que realizar de xeito virtual. Ao evento acudiron, tanto Alumnado de STEMBach do IES Valadares e grupos de familias, como persoas maiores e pequenas, todas elas interesadas en ver as actividades que teñen lugar no centro.
AtlantTIC abriu as súas portas aos cidadáns co obxectivo de conectalos coa tecnoloxía
Compartir Este Artigo

